ACiP esixirá ao alcalde a convocatoria dunha comisión informativa urxente para abordar o desplante de fomento no proxecto de variante en Ponteareas

Ponteareas/ACiP | Estupefacción ante a denuncia da Xunta de Galicia da rotura do acordo por parte do Ministerio de Fomento no proxecto da variante de Ponteareas. O convenio, asinado xa no ano 2015 entre Xunta, Ministerio e Concello de Ponteareas, especificaba que nesta obra Fomento asumía o custo das obras e a Xunta de Galicia a redacción do proxecto. Agora o goberno central descólgase anunciando que só achegará 7 millóns dos 21 orzados para estes traballos.

“Preocúpanos, e moito, esta nova información”, sostén o portavoz de ACiP, Juan Carlos González Carrera, “pois moito nos tememos que nesta situación a obra non se vaia a executar, o que suporía un grave problema para Ponteareas”.

Tras mostrar a súa sorpresa por esta decisión do Ministerio, González Carrera insistiu en que “os convenios están para ser respectados e o concello para esixir explicacións e defender os intereses de Ponteareas. Lamentamos que ata o momento o goberno municipal non se pronunciou ao respecto”.

O portavoz de ACiP vai máis aló neste asunto. “Sempre entendemos que os partidos políticos que forman o goberno municipal de Ponteareas terían que defender os intereses da vila. Por iso tamén lamentamos profundamente que a candidata do PSOE á alcaldía, Chus Garrote, anunciase na súa presentación aos catro ventos que Fomento enviaría en breve prazo os convenios coa Xunta de Galicia para realizar esta obra. Dae quí xorden dous asuntos que consideramos extremadamente graves: por unha banda que quen aspira á alcaldía polo Partido Socialista para as próximas eleccións municipais estivo manexando información privilexiada con intereses partidistas e que non compartiu coa corporación municipal; e, peor aínda, sendo coñecedora de que o Ministerio ía incumprir ese convenio”.

ACiP vai solicitar ao alcalde a convocatoria dunha comisión informativa urxente con todos os grupos municipais para que se aclare esa información coa que contaba a concelleira Garrote e que o goberno municipal non compartiu co resto de partidos, ademais de crear unha fronte común para esixir o asinado en 2015 e que Fomento asuma as súas responsabilidades, investindo en Ponteareas os 21 millóns de euros comprometidos na variante.
“Se hai que mobilizar aos veciños e tomar medidas serias contra esta decisión, nós estaremos á fronte; con eles e coa xente da plataforma de afectados pola N-120, formada por varios colectivos das parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas; colectivos que deron a cara sempre e que sempre estiveron presentes nas reunións entre Concello, Ministerio e Xunta de Galicia. É máis, todos os grupos políticos deberiamos facelo. E se alguén non está no mesmo barco debería dar explicacións públicas do porqué”, sentenciou Juan Carlos González Carrera.