ACiP: “Concello de Ponteareas está en risco de non poder asumir servizos públicos”

Por ter unha débeda de 15 millóns de euros
O voceiro de ACiP, Juan Carlos González Carrera.

Ponteareas/ACiP | O bipartito pontareán pasa nunha soa lexislatura a deber 15 millóns de euros, pondo en risco a viabilidade económica actual e hipotecando o futuro da cidade. A alcaldesa Cristina Fernández Davila ven de realizar unha convocatoria de Pleno Extraordinario para o próximo xoves 4 de novembro. Para este novo proceso plenario o punto primordial é a aprobación dunha nova póliza de crédito por valor de 2 360 000 €, que incrementará aínda máis o burato financeiro de Ponteareas.

“O bipartito pontareán pasa nunha soa lexislatura a deber 15 millóns de euros”

Para a nosa formación esta nova solicitude de préstamos cóllenos por sorpresa, xa que entendemos que a débeda do consistorio xa é desorbitada como para seguir incrementándoa de forma descontrolada.

Nestes intres, os compromisos adquiridos con entidades bancarias por parte do Concello de Ponteareas elévanse por enriba dos 15 000 000 €, cando ao inicio da lexislatura a débeda era de 0 €. Realizando un repaso, dende que o bipartito asumiu o poder:

1. No primeiro ano xeraron un monto de 5 millóns de euros.
2. A construción da depuradora compromete 6 millóns de euros máis.
3. O pasado ano, xa solicitaron unha póliza de crédito de 1 900 000 € por falta de liquidez, que aínda non foron quen de devolver. o Agora van realizar unha nova solicitude de 2 360 000 €.

Para o portavoz de ACiP Juan Carlos González Carrera “este gasto descontrolado déixanos estupefactos. Non confían en revalidar a alcaldía, senón non se entende que sigan incrementando a débeda a 10 e 15 anos, hipotecando e imposibilitando a acción dos próximos gobernos da cidade”.

“Para o portavoz de ACiP Juan Carlos González Carrera ‘este gasto descontrolado déixanos estupefactos”

A situación do Concello de Ponteareas é economicamente complexa, e a falta de xestión obriga a realizar operacións de tesourería constantes ante a falta de liquidez. Tanto Bloque Nacionalista Galego como o Partido Socialista de Galicia están levando un malgasto continuado que non permiten as arcas municipais, cuestión que dificulta ata a programación e realización de obras menores.