ACiP amosa a súa indignación polo estado do Parque de As Pombas

Ante o aviso de varios veciños sobre o seu estado calamitoso

Ponteareas/ACiP | Na mañá do xoves, representantes de Alternativa Ciudadana de Ponteareas acudiron a comprobar o actual estado do Parque As Pombas, ante o aviso de varios veciños sobre o seu estado calamitoso. Unha situación, que tamén dificulta a posta en marcha de negocios que pretenden abrir na súa contorna.

Tan só asomarse as instalacións podemos observar como a maleza e a alta herba predominan en todo o recinto. Se damos unha volta polo mesmo podemos observar unha gran cantidade de material en mal estado (papeleiras polo chan, cerrados das pistas deportivas totalmente desfeitos, bancos en mal estado e un longo etc.) e que ningún membro do goberno local move un dedo para arranxalo.

O máis preocupante é que existen elementos de auténtico perigo para nenos e maiores, atopamos varias arquetas que están sen tapar e que, coa cantidade de herba que acumulan ao seu redor, dificultan a súa visibilidade e poden causar máis dunha lesión. Tamén se atopa algunha árbore totalmente seca, que pode ser derrubada coa chegada dun temporal.

Como oposición a este goberno, somos conscientes de que leva 7 anos abandonando as parroquias e deixándoas a deriva, co cal non nos sorprende esta actitude de pasotismo constante. Pero si nos chama a atención que propoñan novos equipamentos deportivos, cando dificilmente son capaces de manter en bo estado os actuais.

Como ben sinala Juan Carlos González Carrera, líder de ACiP: “Este parque debería ser unha referencia para toda Ponteareas, xa que ten unhas condicións excepcionais. A mala xestión de BNG e PSOE provocan que sexa unha zona ruinosa, na que os pais teñen medo de deixar xogar os nenos deste municipio”.

Dende esta formación, queremos transmitir publicamente a nosa indignación co estado actual deste parque de 10 000 m2, un auténtico pulmón verde do casco urbano. Esiximos o goberno, que de inmediato, destine unha partida orzamentaria para a recuperación deste espazo para o uso e desfrute seguro de todos os ponteareáns.