Abril, mes dos libros en Ponteareas

O Concello conmemorará o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor

Ponteareas | Abril será o mes dos libros en Ponteareas. O Concello conmemorará o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, que se celebra o vindeiro 23 de abril, cun ciclo de presentacións de obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas con Ponteareas.

“Con esta actividade, ademais de homenaxear o soporte principal a través do que se comunica a cultura, buscamos destacar a importancia da creación literaria en todos os xéneros e para todas as idades”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

As presentacións realizaranse todos os venres deste mes, agás o de Semana Santa, ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. A entrada será libre ata completar aforo.

A primeira cita será coa escritora das Neves Sara Vila Alonso e a súa obra ‘Oito días sen Eva Cortes’, gañadora do premio III Nova de Narrativa convocado pola Editorial Galaxia. A obra está centrada na desaparición dunha rapaza en Pontevella que sacode á sociedade mentres a prensa local comeza a furgar na súa vida familiar e nas relacións persoais.

Moitos prexuízos e moita información morbosa nos medios de comunicación para facer dun suceso tan tráxico unha noticia sensacionalista. O diario da vítima, Eva Cortes; as novas do suceso e a visión dunha das xornalistas, Antía Ubeira, son as tres voces que narran esta trepidante novela.

O vindeiro 8 de abril será a quenda da escritora Rochi Novoa Vázquez, que presentará a súa obra acompañada do guitarrista Daniel Soldevilla. O día 22, Francisco Álvarez, Koki, falará ao público de ‘Aldea Buxán’, un libro escrito por un emigrante que lembra o eido orixinario e ao que retorna coa memoria cada pouco. O ciclo pecharase o 29 de abril coa presentación de ‘As costas do alén’, obra escrita por Fernando J. Morado e ilustrada por A. Flaira María Rodríguez.

“Continuamos cunha época de pleno esplendor na creación literaria na nosa vila, coa aparición de autores e autoras novas que temos que dar a coñecer á veciñanza”, asegura Groba.

O concelleiro salientou que este ciclo de presentacións “pecha a programación que abrimos cos obradoiros de escrita creativa e que alimentamos dende o Concello convocando certames e premios de creación literaria e investigación e publicando volumes cos textos premiados”.