Ábrese o prazo de inscrición para a Escola de Alfombristas

A Concellería de Cultura de Ponteareas abriu o prazo de inscrición para participar nun novo curso da Escola de Alfombristas.
A iniciativa, totalmente gratuíta e dirixida a nenos e nenas maiores de 6 anos, busca que as novas xeracións de ponteareáns coñezan polo miúdo a confección das alfombras do Corpus Christi, festa declarada de Interese Turístico Internacional.
Os participantes aprenderán todo o relativo ao mundo da confección das alfombras florais, dende a recolección dos materiais e a súa preparación, ata a confección dos tapices.
Este ano, como novidade, os alumnos e alumnas que participan na Escola de Alfombristas dende a súa primeira edición, é dicir, que levan xa tres anos asistindo ás clases, serán os encargados de ensinar os principios básicos da elaboración das alfombras florais aos nenos e nenas que participen nesta iniciativa por primeira vez.
Os interesados e interesadas en inscribirse poden dirixirse á Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas ou facelo por teléfono no 986 660 765.