
Aldea Global | O Delegado do Estado para a Zona Franca de Vigo, David Regades, participou en Cádiz na XXIX Conferencia de Zonas Francas Iberoamericanas, na que explicou a estratexia que o Consorcio vigués desenvolveu estes anos para ser unha referencia na nova economía e impactar no territorio e no desenvolvemento empresarial “a través dun modelo innovador e tecnolóxico, baseado na colaboración público-privada, o acompañamento ás empresas e na capacidade de atracción de proxectos disruptivos”.
Regades compartiu mesa redonda co director xeneral de INCYDE, Javier Collado, a presidenta da Asociación de Zonas Francas das Américas (AZFA), Claudia Pellerano, e Antonio Bandrés, director de Expansión Internacional do ICO. O Delegado destacou os proxectos que leva a cabo a Zona Franca, en especial o HUB da nova mobilidade, a fábrica de chips fotónicos, o HUB Aeroespacial e o complexo tecnolóxico de López Mora, co Centro de Excelencia de INDRA colocando a “Vigo como líder en emprego tecnolóxico en España, cun 13,4% fronte ao 6% da media do Estado e por encima das cidades máis importantes”.




