A Zona Franca avanza na tramitación do Parque Empresarial do Vieiro na Caniza

Remite á Xunta de Galicia o documento ambiental estratéxico e o borrador do PEOSE que dá cobertura ao proxecto

A Caniza | Paso fundamental para a tramitación do futuro Parque Empresarial do Vieiro, na Cañiza. A Zona Franca de Vigo remitiu á Xunta de Galicia o documento ambiental estratéxico e o borrador do PEOSE, (Plan Estruturante de Ordenación do Chan Empresarial), que permitirá ao Consorcio promover directamente este modelo de desenvolvemento para xestionar, executar e financiar integramente o Parque, actuando como promotora. A estimación da inversión total da Zona Franca de Vigo na actuación do Parque Empresarial do Vieiro ascendería a 35 millóns de euros.

Unha vez que se obtivo a Declaración de Interese Autonómico para este ámbito, será a administración autonómica quen agora terá que aprobar o PEOSE, instrumento que permite unha ordenación máis áxil e facilita a creación de chan empresarial.

Cunha superficie total para o Parque de 846.531 metros cadrados, o documento enviado á Xunta contempla tres grandes mazás, onde se poderá edificar, que ocupan 435.373 metros cadrados. O borrador tamén contempla espazos libres de uso público e zonas verdes cunha reserva de superficie con este obxectivo de 263.450 metros cadrados, o que pon de manifesto a prioridade de combinar a actiidade empresarial con espazos totalmente sostibles e poñendo no centro ás persoas.

O desenvolvemento do Parque do Vieiro é un obxectivo estratéxico como enclave empresarial para toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, dada a súa localización na Cañiza, pola súa conectividade coa área de Vigo, co Porto, co interior (O Ribeiro), ou Portugal, ao pé da Autovía A52 e en conexión coa meseta.

O obxectivo é promover o desenvolvemento económico e fomentar a xeración de emprego, cunha estimación aproximada dun milleiro de postos de traballo en sectores como a loxística, industria ou agroindustria. Tamén se quere dar resposta á histórica demanda de chan do tecido empresarial, facilitar o asentamento de novas empresas, fixar poboación e mellorar a competitividade do territorio, especialmente das comarcas da Paradanta e do Condado.

A foto corresponde á sinatura do convenio entre a Zona Franca e o Concello da Caniza en febreiro de 2025.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.