A Xunta ordena o peche perimetral de Ponteareas pola COVID

As medidas, que entrarán en vigor ás 00:00 horas deste venres tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Ponteareas | Tras o análise da situación da pandemia por parte do comité clínico, a Xunta de Galicia tomou a decisión de ordenar o peche perimetral en 60 concellos, entre os que se atopa Ponteareas, quedando prohibida a saída da localidade agás para desprazamentos xustificados. Deste xeito, a localidade sitúase no nivel máximo de restricións, ao contar con 88 novos casos positivos e unha incidencia acumulada ao redor de 300, segundo informou o xerente da área sanitaria esta mesma mañá á concelleira de saúde e alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila.

Entre as medidas, que entrarán en vigor ás 00:00 horas deste venres tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, inclúese o adianto do toque de recollida ás 22 horas en todo o territorio galego e a limitación das xuntanzas públicas e privadas a grupos que non superen as catro persoas, recomendando restrinxir ao máximo calquera interacción social.

No referente á hostalaría na localidade, a Xunta decidiu que deberá pechar ás 18 horas, sen servizo no interior e unicamente cun aforo do 50% en exterior. As agrupacións non poderán superar as catro persoas. Os comercios deberán estar pechados ás 21:30h e continúan cun aforo máximo do 50%.

A actividade deportiva non federada limítase a grupos de catro persoas como máximo, cun aforo interior que non supere o 50%, mentres a actividade federada deberá seguir o que indican os protocolos acordados entre cada Federación e a Xunta.

A alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, lembra á poboación a necesidade de actuar con responsabilidade, especialmente no ámbito privado. “Aínda que se permiten as xuntanzas de persoas non conviventes en grupos de ata catro persoas, a propia Xunta recomenda que só entren en cada domicilio as persoas conviventes, evitando trasladar ás vivendas os encontros sociais que se prohiben na hostalaría”, sinalou.

[NEADS2]

Fernández Davila agradeceu o diálogo constante que se mantén na actualidade entre o Concello e a Xerencia da área sanitaria, e indicou que “dende o goberno local seguiremos trasladando á poboación con total transparencia os datos que nos facilite a Xunta, como vimos facendo dende que se nos proporcionan”.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!