A Xunta de Galicia salienta o valor de Vilanova dos Infantes como ‘Pobo Máis Bonito de España’

A Comunidade conta con cinco localidades con este selo internacional

Ourense | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta mañá no acto de proclamación que distinguiu a Vilanova dos Infantes co selo de “Los Pueblos Más Bonitos de España”. O recoñecemento garante un novo impulso ao posicionamento de Galicia como destino de calidade, cunha oferta auténtica e singular. O director de Turismo de Galicia estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

O distintivo é entregado pola asociación do mesmo nome, fundada en 2010 e que forma parte da rede internacional Les Plus Beaux Villages de la Terre. Para a súa concesión, avalíanse seis puntos: patrimonio arquitectónico, riqueza histórica, contorna natural, vida local, sustentabilidade e acollida a visitantes.

Cinco en Galicia
Actualmente, en España 126 localidades contan co selo, cinco delas en Galicia: Ponte Maceira, na provincia da Coruña; Mondoñedo (Lugo); e O Castro de Caldelas, Oseira e Vilanova dos Infantes en Ourense. Precisamente, Oseira logrou o recoñecemento en novembro de 2025, ao mesmo tempo que Vilanova dos Infantes.

Segundo explicou Xosé Merelles, a declaración “abunda na idea de Galicia Calidade” que se está a promover desde a Xunta como marca do destino, e “consolida a idea de que Galicia é máis que os seus grandes núcleos turísticos: hai vilas e cidades máis aló destes eixos que constitúen un reclamo turístico de primeira orde”, salientou, o que favorece a distribución dos fluxos turísticos por todo o territorio.

O director de Turismo de Galicia destacou a relevancia destes distintivos, que “constitúen tamén un recoñecemento ao traballo desenvolvido pola Xunta de Galicia na preservación do patrimonio e na dinamización do medio rural, contribuíndo a xerar oportunidades económicas e sociais ligadas a un modelo de turismo sostible e respectuoso coa poboación local”.

“A localidade é un expoñente idóneo dos valores que definen o modelo turístico galego -afondou-, grazas á posta en valor do patrimonio e das tradicións, á súa integración coa contorna e ao mantemento das tradicións e á hospitalidade da veciñanza”. Vilanova dos Infantes, parroquia do Concello de Celanova, destaca polo seu conxunto histórico de orixe medieval, presidido pola Torre de Vilanova dos Infantes, declarada Ben de Interese Cultural. A celebración anual da Romaría Etnográfica Raigame, Festa de Interese Turístico de Galicia, converte a vila nun referente da conservación das tradicións e da identidade cultural galega.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.