
Sober | A Xunta de Galicia renova o seu patrocinio ao festival 17º Ribeira Sacra, que celebra a décima edición esta fin de semana no marco dos Concertos do Xacobeo. Dende o venres 24 de xullo, ata o domingo 26 despregarase unha ampla programación coa música como prato forte.
O delegado territorial do Goberno galego, Alfonso Villares, participou no acto de presentación do evento, que desenvolveu nas instalacións das Bodegas Regina Viarum de Sober.
Ese espazo acollerá o escenario do Xacobeo, o principal do festival, polo que pasarán entre o venres e o sábado The Divine Comedy, Sidonie e Baiuca, xunto con Anni B Sweet, Puño Dragón e Mariagrep & Mundo Prestigio. Completan o cartel Los Invaders e Vera Fauna, que actuarán noutras localizacións – santuario de Nosa Señora de Cadeiras de Sober e praza do Cantón de Chantada, respectivamente -.
Como nas anteriores edicións, o programa integra nunha mesma proposta a música en directo, a gastronomía, o viño, a paisaxe, a natureza e o patrimonio da zona. Villares resaltou o éxito e o recoñecemento logrado por esta cita, cuxo atractivo atribuíu a que “está deseñada en comuñón co territorio” da Ribeira Sacra. Destacou que ofrece ao público “a posibilidade de vivir os concertos de forma cercana e en entornos únicos”.
Engadiu que a Xunta está a apoiar ata o momento a través dos Concertos do Xacobeo preto dunha vintena de eventos e festivais na provincia de Lugo, entre eles o 17º Ribeira Sacra, unha das propostas máis singulares do calendario musical galego.




