
Ourense | Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social participou no acto Empréganos, no que a Xunta de Galicia foi unha das entidades colaboradoras recoñecidas por Feafes por contribuír á inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental.
A Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia recoñeceron o traballo neste sentido de distintas empresas, así como do Goberno autonómico no marco das Administracións. Na súa intervención, Mariño puxo en valor o compromiso compartido da Xunta, de entidades como Feafes e das empresas por transformar a vida das persoas con problemas de saúde mental a través do emprego. Nesa liña, sinalou que a implicación e traballo concreto de Feafes Galicia serve de estímulo para continuar avanzando no prioritario emprego inclusivo dentro dun mercado laboral forte e dinámico.
Neste senso, a directora xeral indicou que o emprego é a mellor ferramenta de inclusión social e avogou pola posta en marcha de iniciativas que sigan mellorando a empregabilidade de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.




