
Bande | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto co delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o presidente da Deputación, Luís Menor, asistiu hoxe á inauguración da Casa do Baño, no Concello de Bande, un novo aloxamento turístico municipal que xurde trala rehabilitación dunha antiga escola. Trátase dunha pensión de tres estrelas situada na rúa de San Roque que conta con seis habitacións dobres e capacidade para 12 persoas, o que amplía a oferta de aloxamento do municipio ata as 120 prazas.
Merelles destacou que a súa apertura supón “un avance no fortalecemento da oferta turística de Bande, ademais de contribuír a impulsar o xeodestino Celanova-Terras do Xurés”. Neste sentido, puxo en valor que “cada novo establecemento que abre as súas portas representa investimento, creación de emprego e persoas que apostan polo futuro do territorio”.
Xosé Merlles fixo alusión aos últimos datos turísticos que confirman a boa evolución da provincia de Ourense nos cinco primeiros meses de 2026. Entre xaneiro e maio rexistráronse 132.277 viaxeiros, un 7,9% máis que no mesmo período do ano anterior, mentres que as noites medraron un 15,4%, ata alcanzar as 256.501, situando a estadía media en 1,94 noites, un 6,9% superior.
“O comportamento é positivo en todos os mercados, con especial dinamismo do turismo internacional, que aumenta un 22,1% e supera os 24.000 visitantes”, afirmou. Estes datos avalan o crecemento da demanda turística na provincia e reforzan a importancia de seguir ampliando e mellorando a capacidade aloxativa e os recursos do turismo de interior para dar resposta a esta evolución positiva.
O director lembrou o compromiso da Xunta co desenvolvemento turístico de Bande, onde Turismo de Galicia leva investidos máis de 1,2 millóns de euros na última década mediante actuacións de mellora dos recursos turísticos de Bande e iniciativas de dinamización en todo o xeodestino Celanova-Terras do Xurés.
A apertura da Casa do Baño posibilitará o acceso a máis visitantes aos principais recursos turísticos da contorna, entre os que destaca o complexo arqueolóxico romano de Aquis Querquennis, un dos xacementos máis destacados da Península Ibérica e declarado Ben de Interese Cultural en 2018. Turismo de Galicia colabora anualmente co Concello de Bande para garantir a apertura ao público e a realización de visitas a este complexo.
Xosé Merelles tamén valorou o traballo realizado para recuperar outros recursos patrimoniais do municipio, como a Reitoral de Santa Comba de Bande. O último dos convenios entre a Xunta e o Concello deste último ano permitirá rehabilitar este inmoble histórico, desta maneira “reforzamos a oferta patrimonial da Baixa Limia e consolidamos Bande como un destino turístico vinculado ao patrimonio, á natureza e á historia”.
Segundo os últimos datos do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), antes da incorporación da Casa do Baño, Bande contaba con cinco establecementos turísticos que sumaban 108 prazas de aloxamento. Coa incorporación da Casa de Baño, o municipio alcanza as 120 prazas, o que eleva a súa capacidade para atender a demanda turística deste destino vinculado ao patrimonio, á natureza e ao termalismo. Ademais dos investimentos realizados nos recursos mencionados, o concello forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino ‘Coge velocidad, villas históricas y termales’, con 1,5 millóns de euros. Así, reafírmase a aposta da Xunta por impulsar un modelo turístico sustentable e desestacionalizador do territorio.




