A Xunta de Galicia e o Concello de Ourense inician a construción do proxecto piloto de refuxio climático urbano

A intervención abrirá un corredor verde lineal de norte a sur

Ourense | Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia e o Concello de Ourense para habilitar o proxecto piloto de refuxio climático urbano comezaron hoxe na avenida Otero Pedraio, un dos principais eixos de comunicación da cidade e que, grazas a esta actuación, aspira a dotarse dun novo espazo verde resiliente onde poder protexerse de eventuais episodios de calor.

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, asistiron esta mañá ao inicio das obras, executadas ao abeiro dun convenio de colaboración entre ambas administracións e en virtude do cal a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprometeu un investimento de 340.000 euros.

A intervención ten como fin artellar un corredor verde lineal, entre os extremos norte e sur da avenida, que nestes momentos carece de zonas de arborado consolidado. Para logralo, o proxecto prevé actuar ao longo da vía de servizo coa instalación de xardineiras prefabricadas nas que se plantarán diferentes especies.

Tamén se acometerá unha mellora das tres rotondas existentes, substituíndo as superficies artificiais por vexetación natural, entre outras accións previstas para aportar sombreado natural e reducir a impermeabilidade do solo.

Con estes traballos, que executa o Concello de Ourense e financia na súa totalidade a Xunta de Galicia, Paula Uría explicou que a previsión é que se poida reducir en torno a 3º a temperatura superficial nesta zona, mitigando polo tanto o chamado efecto illa de calor que se produce nas cidades e convertendo a avenida ourensá nunha zona na que a poboación máis vulnerable poida atopar refuxio e protección en caso de vagas de calor.

Cómpre lembrar que o concepto de refuxio climático se refire a un espazo cunha relativa estabilidade climática e con condicións ambientais favorables, o que o converte nun lugar idóneo para combater as altas temperaturas e ofrecer acubillo á poboación.

Nova metodoloxía da man da UVigo
Grazas á colaboración entre a Consellería e a Universidade de Vigo (UVigo) no marco do programa autonómico Galicia, refuxio climático, o ano pasado desenvolveuse unha nova metodoloxía para apoiar aos concellos na detección de posibles refuxios e illas de calor —zonas cunha elevada acumulación de radiación no asfalto e no formigón— nos seus respectivos territorios.

Froito deste traballo e cun investimento por parte da Xunta de 110.000 euros, os investigadores da UVigo deseñaron e construíron un dispositivo portátil capaz de elaborar mapas detallados coa localización das illas de calor existentes en cada concello co fin de definir e executar, nunha fase posterior, unha primeira experiencia a nivel local.

Ourense, con invernos fríos e veráns moi cálidos durante os que a media das temperaturas máximas supera os 30ºC, foi a cidade escollida pola Xunta para poñer en práctica esta iniciativa e impulsar o primeiro refuxio climático urbano de Galicia que se executa no marco da mesma.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.