• Segue conectado
  • |

A vontade na galeguización xudicial.

Todos os fitos históricos teñen razóns que os explican. Foron sempre motivados por feitos previos; unhas veces pola intervención social, e outras por implicacións de persoas desexosas de provocalos. En todo caso, o que agora nos importa é salientar a importancia que ten a vontade individual ou colectiva nas grandes transformacións sociais. Ímonos referir a tres fitos históricos da lingua galega de distinto signo.

A primeira vez que se utilizou a lingua galega nun documento xurídico data de 1228. Ese ano Alfonso IX de León outorga o Foro do bo burgo de Castro Caldelas. A partir dese ano a lingua galega vai ser común nos usos xurídicos e xudiciais. Recentemente o profesor Ramón Lorenzo publicou unha laboriosísima obra de investigación titulada “Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices”, que recolle dous mil documentos xurídicos redactados no noso idioma. Que razón tiña Sarmiento cando dixo que era tal a cantidade, que se poderían encher moitos carros do país con eles

As derradeiras escrituras notariais rexistradas son unha venda en Olives en 1527, e un foro e unha licenza do mosteiro de San Clodio en 1532. As razóns desta interrupción son de índole política ao perder Galicia peso político e ser trasladados os centros de poder á Corte de Castela, que nomea notarios e xuíces foráneos impoñendo o uso do castelán. Igual medida tomaron as ordes relixiosas nomeando abades dos mosteiros a monxes non galegos.

O 27 de marzo de 1985 a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia territorial da Coruña ditou a primeira sentenza en lingua galega despois de catrocentos cincuenta e tres anos de proscrición nos usos xurídicos. A Sala estaba formada polos maxistrados Ricardo Leirós Freire, Gonzalo de la Huerga Fidalgo e Claudio Movilla Álvarez, que nesta ocasión foi o relator.

Pois ben, volvendo ao comezo desta colaboración cando falaba da importancia das vontades nos procesos de transformación social, a intrahistoria deste acontecemento foi así. Era eu entón funcionario do Concello de Redondela encargado do servizo de normalización lingüística e aproveitei a vella amizade que tiña con Claudio Movilla para convidalo a xantar nun restaurante situado na rúa Faxeira en Compostela. Expúxenlle ao amigo a oportunidade que tiña a Audiencia Territorial de rachar con aqueles anos escuros de proscrición lingüística. Claudio, que era un home dunha cabeza brillante de esquerdas, galegofalante e natural de Castro Caldelas, pillou ao voo a miña proposta. Acordamos que escollese calquera dos moitos recursos contenciosos pendentes de resolución no que o Concello perdese o preito, como así foi.

Envioume a sentenza por correo postal cunha carta caligráfica que di (gárdoa): “Meu caro amigo. Envíoche a copia da sentenza en galego tal como che dixen na nosa conversa celebrada en Compostela. Esperemos que nun futuro próximo, o que agora é un acontecemento -que triste considerar isto como un acontecemento!- se converta en rutina”. Aquela resolución xudicial é un deses fitos históricos, neste caso positivo, que había motivar que a partir de entón fosen moitos os xuíces que se decidisen a realizar a súa actividade xudicial no noso idioma. A ese movemento sumáronse fiscais, letrados da Administración de Xustiza, funcionarios xudiciais, e moitos avogados e procuradores que militan na Irmandade Xurídica Galega, a única asociación que vén realizando un labor ininterrompido de animación do proceso regaleguizador desde hai ben anos.

Para conmemorar o 35 aniversario daquela sentenza a Irmandade Xurídica Galega celebrará no mes de maio un acto conmemorativo na Coruña, contando coas colaboracións do Concello da Coruña e Secretaría Xeral de Política, dirixido aos profesionais do dereito, deixando constancia daquel feito histórico co descubremento dun monolito que será ubicado nos xardíns situados ao pé da sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Aproveitará tamén a Irmande Xurídica Galega a celebración do vintecinco aniversario do primeiro procemento xudicial instruído totalmente en galego polo Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Celanova, sendo daquela seu titular o xuíz substituto Antonio Puga Rodríguez e secretario Anselmo Menéndez Villalba.

En ambas as dúas celebracións serán convocados os alcaldes dos concellos limítrofes para asinaren unha declaración de compromiso coa lingua galega. É ben sabido que moitos procedementos xudiciais son instruídos a instancia das corporacións locais e das policias locais, así como os actos xurídicos documentados nas notarías.

Os procesos de cambios sociais precisan de axentes activos que os provoquen.


Director da revista Lingua e Dereito. Presidente da Fundación dos premios da Crí­tica de Galicia. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüí­stica e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación Galicia Empresa. Ademais, fundador da Fundación Lois Pena Novo.
Publicado o 21 Mar 2020.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies