Por que nos empeñamos en tratarnos de forma tan desigual mentres estamos vivos cando está nas nosas mans construír un mundo novo no que exista igual dignidade para todos?
Aínda que a cotiandade nos canalice por carreiros diverxentes, é evidente que os seres humanos compartimos un mesmo destino biolóxico. Actualmente, a sociedade padece unha preocupante obsesión polo status, a cobiza e acumulación material e a diferenciación individual; constrúense muros artificiais en lugar de tender pontes e unificar esforzos cara a un ben común. Con todo, a sobriedade dunha sala de espera hospitalaria ou a irrevogabilidade do cemiterio fan que desaparezan por un instante as clases sociais de golpe. É aí onde se constata como un diagnóstico médico detén o mundo por igual para un directivo de alto nivel que para un traballador corrente. A enfermidade espida os egos, desposuíndo ao ser humano dos seus privilexios materiais e de todo vestixio de distinción social. A fraxilidade compartida neutraliza o orgullo. Ao final, sen importar o privilexio ou a carencia, toda existencia conflúe no mesmo desenlace inevitable, situando ao rei e ao esmoleiro nun plano de absoluta igualdade.
“A vida preséntase como unha diáspora, unha viaxe de dispersión individual, pero a vulnerabilidade é o fío invisible que nos restitúe a unidade”
A vida preséntase como unha diáspora, unha viaxe de dispersión individual, pero a vulnerabilidade é o fío invisible que nos restitúe a unidade. A enfermidade non constitúe un castigo; é unha condición inherente á nosa propia natureza xenética, o recordatorio permanente de que compartimos unha mesma arxila orixinal. O tránsito vital sepáranos mediante traxectorias distintas segundo a profesión, as metas e a contorna. Distánciannos as desigualdades e os privilexios baseados no éxito ou o poder. No entanto, estas diferenzas non outorgan superioridade moral: pola contra, deberían esixirnos o compromiso de transformar a realidade, na medida das nosas capacidades, para avanzar cara a unha sociedade máis xusta.
Fronte á dispersión, a enfermidade e a morte operan como os grandes ecualizadores da condición humana; ante elas, os privilexios desvanécense. Nin o poder político nin o poder económico poden asegurar a inmortalidade ou eximirnos do sufrimento físico. A nosa debilidade ante o paso do tempo, demostra que as leis da bioloxía operan de xeito idéntico en cada organismo. O destino común da nosa especie non fai distincións entre sabios e leigos. Se a finitud igualaranos a todos, resulta incomprensible o empeño en perpetuar a asimetría social mentres estamos vivos. Esta desigualdade non é natural, nace de estruturas de poder orientadas a preservar o status, de prexuízos institucionais e de sistemas económicos que supeditan o benestar humano ao rendemento do capital.
A ausencia de empatía nun mundo sen alma e unha contorna deshumanizada, agravada pola distancia social, invisibiliza a dor allea ante a compracencia de quen vive na comodidade. É urxente unha lección de humildade que acabe coa prepotencia e a soberbia. Recoñecer a nosa fraxilidade impídenos crernos superiores aos nosos semellantes, reordena as nosas prioridades e impúlsanos a valorar os lazos afectivos. A compaixón conéctanos lexitimamente co sufrimento do outro. A sociedade reclama un cambio de rumbo, e a ecuanimidade e fraternidade de Francisco Asís, e a caridade, servizo, humildade e amor incondicional aos máis vulnerables da Nai Teresa de Calcuta seguen sendo a luz idónea para transformar o mundo. Que así sexa!
Francisco Peña. Científico, académico, escritor e humanista.





