A V edición do Our Fest o día 19 en Expourense

The Jesus and Mary Chain, The Mystery Lights, Fat Dog, The Dream Syndicate, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto forman o cartel deste ano

Ourense | Our Fest regresará o vindeiro sábado 19 de setembro a Expourense para celebrar a súa quinta edición e consolidado como unha das citas de referencia do rock alternativo en Galicia. A cita conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, reforzando a aposta pola música en directo como elemento de dinamización cultural e turística do territorio.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou na presentación do festival e destacou que “os Concertos do Xacobeo permiten acompañar citas como Our Fest, que contribúen a ampliar e diversificar a oferta musical de Galicia e a levar programacións de referencia a diferentes puntos do territorio. Unha aposta pola música en directo que favorece a descentralización da actividade cultural e contribúe a manter unha programación estable ao longo do ano”.

A cita ourensá mantén a súa aposta por unha programación coidada e singular, que nesta edición reúne The Jesus and Mary Chain, The Mystery Lights, Fat Dog, The Dream Syndicate, Triángulo de Amor Bizarro e Germán Salto. Seis nomes que conectan máis de catro décadas de rock alternativo e que combinan referentes internacionais con propostas consolidadas da escena independente estatal e galega.

Gómez Román salientou tamén que “Ourense conta cunha oferta turística e cultural de enorme atractivo e festivais como Our Fest permiten achegala a novos públicos, creando unha experiencia na que a música se combina co termalismo, o patrimonio e a gastronomía da cidade”. Neste sentido, sinalou que “a chegada de público de Galicia, doutros puntos do Estado e do norte de Portugal confirma a capacidade destas citas para xerar movemento e actividade no territorio”. Our Fest, que mantén o seu formato dunha única xornada e recinto cuberto, contribúe así a situar Ourense no circuíto das grandes xiras e a prolongar a actividade cultural e turística máis alá dos meses centrais do verán, favorecendo a desestacionalización.

Mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade, con máis de 190 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 80 localidades de toda Galicia.

O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.