A situación actual é un totus revolutus.

Botamos man dunha expresión latina para demostrar que non hai nada novo baixo o Sol; xa está todo descuberto, ou cáseque todo.

Diante dunha pantalla en branco (antes diríamos diante dun folio en branco) non sabemos ben por qué camiño coller. Se imos pola dereita malo, se imos pola esquerda peor. Pero non hai un camiño intermedio? Pois non. Como din os nosos políticos as pontes están rotas e os camiños interrompidos. Pero como de algo teremos que escribir imos botar man do máis sinxelo, do que temos ao noso alcance sen ter que devanarnos moitos os miolos.

Por exemplo: o xa tan manido CXPX segue dando que falar dende fai xa cinco anos. Todos estivemos e seguen estando desexosos de que rematara o noso tempo legal e obrigatorio de acudir ao traballo cada día para non só descansar dunha actividade, que tamén pero sobre todo para poder dispor do noso tempo a vontade. Sen embargo estes señores de puño branco e puñetas (que non é o mesmo que nos fagan a puñeta) agárranse ao posto de traballo e non o queren deixar. E así levan cinco preciosos anos. Cantas resolucións xudiciais se terán interrompido por culpa deste affaire , para poñernos finos? O mais grave de todo isto é o dano que lle están facendo ao estamento xudicial co seu comportamento.

“O xa tan manido CXPX segue dando que falar dende fai xa cinco anos”

Cando íamos soñar con ver a xuíces e avogados togados na rúa mostrando as súas puñetas enfrontándose directamente co Goberno: eles que deberan ser o modelo de independencia política entran ao trapo como se dun sindicato se tratara. Claro que din o fan porque o goberno está rompendo España coas leis que está levando ao Parlamento. Onde se viu que decisións parlamentarias romperan un País? Os Parlamentos son a representación dun País; aí están todos os elixidos polos votantes para lexislar. Os xuíces están par aplicar esas leis e se non son conforme a dereito será o Tribunal Constitucional quen poña coto a calquera desmán do Parlamento. Non os xuíces.

A lei de amnistía que está en trámites parlamentarios din que non cabe na Constitución. Pois se resulta certo aí temos o Tribunal Constitucional para indicar en que casos resulta inaplicable; resulta ilegal.

É curioso. A lei de amnistía do 1977 que foi repudiada por organismos internacionais non tivo resposta negativa polos xuíces españois. Aquela lei non tiña exposición de motivos e non foi asinada nin polo Rei nin polo Presidente do Goberno; só polas cortes xerais. Aquela lei ordenaba que serían postos en liberdade todos os que se encontraran en prisión e deixaba sen efecto as ordes de busca e captura dos que se declararan en rebeldía. Claro que neste caso que nos ocupa esta nova lei de amnistía non poderá surtir efecto, caso de ser aprobada polo Parlamento, ata que pase polo Senado onde o PP está esperando para tela “na nevera” alomenos dous meses. Máis tempo non llelo permite a lexislación actual.

Seguindo co TOTUS REVOLUTUS do titular falemos un chisco da Cumbre Climática (COP28) para botarlle unha ollada ás miles de persoas que forman os distintos lobyys alí presentes. Este ano esta cumbre bate records de lobbistas alí reunidos relacionados coas industrias dos combustibles fósiles. Iberdrola, Cepsa, Inditex, Banco Santander e BBVA son algunhas das empresas españolas que teñen alí desplegados aos seus equipos para influenciar sobre as decisións que se pretenden tomar para eliminar, ou polo menos rebaixar, a carga de CO2 que todos estamos respirando a cotío.

As executivas petroleiras tratan de ocultar os seus nomes verdadeiros porque por primeira vez unha cumbre do cambio climático, ONU Cambio Climático, esixe ás persoas asistentes que revelen a quen representan.

No listado aparecen alomenos cerca dun cento de persoas ligadas a empresas españolas ou con presencia relevante en España cunha actividade que afecte ao cambio climático. Unha delas, a mais chamativa, é INDITEX que asiste baixo o paraugas da Universidade de Santiago. O Banco Santander mandou ata seis membros, un deles da súa filial en Brasil acreditados baixo diferentes nomes: Confederación Española de Organizacións Empresariais, Real Instituto Elcano, Grupo español para o crcemento verde, etc.

A empresa IBERDROLA mandou a 11 persoas que asisten baixo nomes distintos, como Asociación de Empresas de enerxía electrica, Fundación para o Pacto mundial, etc.

Non faltan á cita empresas contaminantes a nivel mundial como BP, Shell, ExxonMobil, Chevron, Gazprom, TotalEnergies, Bayer, etc. Así ata 11 integrantes da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP), incluído o seu secretario Xeral Haitham Al Ghais, quen días pasados mandou unha carta a varios Estados membros pedindolle que rechacen proactivamente nas negociacións calquera acordo relacionado cos combustibles fósiles.

Nesta ocasión solicitaron a súa presencia 97.372 persoas, cáseque o doble da cumbre celebrada en Exipto no COP27. Na cumbre de Berlín do ano 1995 contou con só 3.969 asistentes. Polo menos 2.456 grupos de presión de combustibles fósiles tiveron aceso á cumbre de Dubai. A delegación con mais representantes é a Asociación Internacional de comercio de Emisións (IETA), que está presente con 116 persoas entre elas representantes de SHELL, TotalEnergies  e a noruega Equinor.

Emiratos, país anfitrión, é o que mais xente leva. Un total de 4.409 participantes, seguido de Brasil con 3.081 e China e Nixeria con 1.411.

Na delegación de España foron 246 persoas, divididas en dúas categorías. Por un lado están os integrados en “parties”, que ven a ser a delegación oficial de cada país. Neste apartado hai un total de 82 persoas acreditadas que corresponden a altos cargos do Goberno, persoal directo e funcionarios que interveñen no proceso negociador.

Debemos destacar as palabras de Antonio Guterres cando carga contra as empresas que provocan a crise climática: a humanidade abriu as portas do inferno. Declarou en Nova Iorque na Semana do Clima, cargando contra as empresas que intentan bloquear a loita contra o cambio climático tratando de retrasar, distraer e enganar. Como mostra temos a demanda presentada polo estado de California  contra cinco petroleiras estadounidenses por provocar danos de decenas de miles de millóns de dólares coas súas actividades e de enganar á poboación sobre os impactos dos combustibles fósiles. Como di o refrán, na Cumbre Climática de Dubai, igual que en todas as anteriores, méten a raposa dentro do galiñeiro. Resultado: nin unha galiña viva.

“Como di o refrán, na Cumbre Climática de Dubai, igual que en todas as anteriores, méten a raposa dentro do galiñeiro”

Como estamos en Nadal páseno o mellor que poidan e esquézanse, alomenos por uns días, de todas estas miserias que nos rodean. Fagan de conta que son felices, disfruten da compaña dos seus seres queridos e esperen que cecais lles toque a lotería. Ata pode ser; por que non?

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»