
Ponteareas | O Salón de Plenos do concello de Ponteareas acolleu a recepción aos 200 integrantes da “Ruta Quetzal”, capitaneada por Íñigo de la Quadra Salcedo, nesta edición baixo o lema “Tras das pegadas de Urraca a Temeraria, 900 anos do Reino de Galicia’. Foron recibidos pola alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, quen estivo acompañada no acto polo concelleiro de Xuventude, Cristian Montes, e ou de Educación, Ricardo González.
Cristian Montes foi o encargado de abrir o acto, dándolles a benvida e marcando o roteiro previsto polos “puntos emblemáticos de Ponteareas”, como é o Castro de Troña, o Castelo de Vilasobroso ou a praia fluvial da Freixa. Seguiulle Ricardo González, sinalando que desde a área de educación “desexamos que pasedes un día marabilloso e desfrutedes do roteiro, para despois transmitir a familiares e amigos a vosa experiencia”.
O promotor desta iniciativa, Íñigo de la Quadra Salcedo, foi o seguinte en tomar a palabra, lembrando a todos os expedicionarios que estar en Ponteareas é porque “a nosa viaxe vira ao redor de Urraca e un dos enclaves importantes era o Castelo de Sobroso”. Aproveitou para lembrar que cando o Ruta Quetzal viña a Galicia, na época do seu pai, Miguel de la Quadra Salcedo, “era ela quen nos recibía e grazas a ela puxemos en marcha a nova Ruta Quetzal, na súa época como directora xeral de Turismo”.
A alcaldesa, Nava Castro, foi a encargada de pechar o acto, dando a benvida aos participantes e aproveitando para facer un percorrido por unha banda da historia relevante da vila, pasando polo Trobador Xoán García de Guillade ou polo cadro de Velázquez, onde figura a menina ponteareá, Agustina Sarmiento, convertida en peza de Sagardelos, Tamén destacou a importancia musical de Ponteareas, comezando polo mestre Reveriano Soutullo e a súa relevancia na historia da música, pasando por Rogelio Groba ou as tres bandas de música existentes no municipio.
Nava Castro concluíu sinalando que é “un pracer recibir esta expedición”, dado que tivo a sorte de coñecer ao seu pai (Miguel de la Quadra Salcedo), “a quen se axudou desde a Xunta e se sigue axudando nesta nova etapa”. Finalmente, a rexedora local sinalou que é “unha gran sorte que agora poidades seguir, xa con Íñigo de la Quadra Salcedo, adquirindo cultura e sendo transmisores da mesma, ao volver aos vosos lugares de orixe”, distribuídos por toda a xeografía española.
O acto pechouse co intercambio de detalles, concretamente Íñigo de la Quadra Salcedo fixo entrega a Nava dunha placa conmemorativa da visita así como o libro do Ruta Quetzal 2026. Pola súa banda, a rexedora local entregou a Íñigo a menina ponteareá de Sargadelos así como o libro da mesma, entre outros detalles. Por suposto, non se podía pechar a visita sen algo tan típico de Ponteareas como son as rosquillas, que poderán desfrutar todos os participantes tras a comida na Freixa.




