A Residencia de Tempo Libre do Carballiño reforma as súas instalacións

A Xunta investiu preto de 80.000 euros nos últimos 2 anos

O Carballiño | Gabriel Alén, delegado da Xunta, desprazouse á Residencia de Tempo Libre do Carballiño para supervisar as obras de acondicionamento das instalacións que acollerán as familias a través dos diferentes programas convocados pola Consellería de Política Social.

Acompañado da xefa territorial, María José Fernández, o delegado da Xunta subliñou a oferta de lecer que ofrece este centro, indicando que “os usuarios da Residencia de Tempo Libre do Carballiño poderán combinar a súa estadía en pensión completa con actividades lúdicas programadas pola propia residencia con visitas turísticas e culturais a diferentes puntos da vila, da provincia e mesmo da comunidade autónoma, o que sen dúbida repercutirá na economía da zona”.

A Residencia de Tempo Libre do Carballiño recuperará a actividade de novo tras o ano 2020 marcado pola covid, no que, aínda así, se desenvolveron actividades de lecer para a mocidade no marco da Campaña de Verán durante os meses de xullo, agosto e setembro, e que este ano volverán a repetirse nas mesmas datas.

“A Residencia de Tempo Libre do Carballiño recuperará a actividade de novo tras o ano 2020 marcado pola covid”

Deste xeito, a oferta da RTL inclúe a posibilidade de actividades dirixidas a entidades que soliciten reserva de estadías coa finalidade de desenvolver diferentes programas de convivencia e que farán posible a apertura das instalacións. Nos vindeiros meses tense previsto desenvolver actividades dirixidas a asociacións de mulleres, a grupos de xoves, a maiores ou a colectivos de persoas afectadas por algún tipo de discapacidade.

As obras, a piques de rematar e nas que a Xunta investiu preto de 80.000 euros, nos últimos dous anos consistiron na reparación parcial do tellado do comedor, o acondicionamento do aparcadoiro, a poda das árbores e o pintado interior da planta baixa, pasillo e habitacións.

En 2020, o Goberno galego xa acometera o arranxo da calefacción, a instalación dun sistema antiincendios, a rede wifi e a construción dun novo valado do parque infantil.

I

Outros artigos