A proposta de cosoberanía de Teresa Táboas.

Cadernos da viaxe.

A recente reflexión de Teresa Táboas nas páxinas de El País supón unha lufada de aire fresco e, ao tempo, un estimulante exercicio de actualización doutrinal para o nacionalismo galego. Baixo o suxestivo prisma da “escala” e a “utilidade”, a vicepresidenta mundial dos profesionais da arquitectura e antiga conselleira co BNG (2005-2009) fuxiu acertadamente dos esencialismos estáticos para situar o debate do autogoberno no único terreo onde hoxe se xoga o futuro dos pobos: a eficacia na xestión transformadora da vida cotiá das persoas.

A tese de Táboas, que propón superar a rixidez do concepto tradicional de nación para artellar o poder político en base a escalas funcionais (local, galega, estatal e europea), non debe lerse como unha renuncia. Ben ao contrario: ha de se inserir con naturalidade na liña evolutiva da mellor tradición soberanista e historicista de Galicia. Dende o provincialismo decimonónico de Antolín Faraldo até o Estatuto de 1936, o galeguismo político sempre tivo unha pulsión radicalmente pragmática. Xa na Asemblea de Lugo de 1918, as Irmandades da Fala superaron o rexionalismo para esixir unha autonomía integral. Non o facían por puro afán identitario, senón porque entendían que a centralización madrileña era unha máquina de xerar atraso económico e caciquismo. O pacto confederal e a soberanía partillada latexaban xa no horizonte a medio prazo daquel Estatuto de Galicia de 1936 como reflicte Castelao no seu Sempre en Galiza.

É precisamente aí onde a proposta de “escalas” de Teresa Táboas conecta, de xeito inevitable, cos conceptos de cosoberanía e confederalismo. Porque cando Táboas defende que cada escala administrativa debe exercer as súas competencias sen subordinacións piramidais, está a impugnar o modelo autonómico do 78, esgotado polo absolutismo centralista do “capitalismo castizo” madrileño. O que a autora propón, aínda que use unha terminoloxía máis amábel para o taboleiro estatal, é unha auténtica arquitectura confederal. Na confederación, a soberanía non emana do centro cara á periferia mediante transferencias graciosas; emana do territorio, da nación galega, que decide libre e pactadamente que competencias comparte e cales xestiona en exclusiva.

“Esta ‘escala galega’ que debuxa Táboas require, por pura lóxica institucional, do principio de cosoberanía”

Esta “escala galega” que debuxa Táboas require, por pura lóxica institucional, do principio de cosoberanía. A soberanía hoxe xa nun é un absoluto indivisÍbel; é a capacidade real e xurídica de decidir sobre os recursos estratéxicos. Non hai utilidade social sen soberanía fiscal -a Facenda de noso nun modelo de concerto- nin hai escala operativa se Madrid pode vetar as nosas leis sobre o litoral, o noso modelo eólico ou a xestión directa da AP-9.

O artigo de Teresa Táboas amosa que o soberanismo galego non é unha peza de museo, senón unha ferramenta de modernidade. Ao situar a utilidade pública e a gobernanza multinível no centro, a autora conecta co fío histórico que entende Galicia como un suxeito político soberano capaz de pactar de igual a igual. Unha Galicia que non quere ser máis ca ninguén, pero que non vai seguir a aceptar sermos menos.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.