A presentadora e escritora María Dolar, no “Lendo contigo” deste mes

A actividade, dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos, está organizada por Espazo Lectura

O sábado 28 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Club de lectura compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.

Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é “O fillo do Pintamonas”, da xornalista e escritora María Solar (Tambre, 2009).

O fillo do Pintamonas é un libro de literatura infantil que vai dirixido a nenos a partir dos oito anos de idade, editado pola editorial Tambre – Ala Delta (Luis Vives). “O fillo do Pintamonas”, tamén é un libro solidario:  O 0,7% da venda deste libro destínase ao Proxecto “Mejora de la Calidad y oferta educativa del ciclo diversificado del Instituto Tecnológico Quiché de Chichicastenango (Guatemala)”, que xestiona a ONG Solidaridad, Educación, Desarrollo (SED).

Contaremos coa presenza da autora María Solar estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.

O libro
Nubelo de La é un dos Nubelos (nubes pequechas, redondas e brancas, as máis traballadoras de todas pois viaxan por diante das Nubes de Chuvia, para anunciar a chuvia cubrindo o ceo) coñecido por chegar tarde e por ser  “O fillo do Pintamonas”. O alcume víñalle de que seu pai unírase a unha Nube dos Soños (esas tan brancas que pintan debuxos no ceo para que os nenos da Terra xoguen a adiviñalos) con grande escándalo dos vellos ante esa unión antinatural, polo que o condenaron a abandonar o país dos Nubelos. Farto de que se risen del por ser diferente (retrasábase, parveaba e soñaba) decidiu levar adiante o seu plan de reunirse co seu pai no País das Nubes dos Soños. Para iso valeuse da compañía do papaventos, condenado polo Gran Nubelo a perder a cola máis longa do mundo. Antes de que lla cortaran, fuxiu con Nubelo.

A autora
María Solar naceu e vive en Santiago de Compostela. É presentadora e coordinadora do programa cultural Zigzag Diario da TVG. Licenciouse en Xornalismo e Bioloxía ademais de ser diplomada en Maxisterio e ter o título de Especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental. A súa actividade profesional sempre se centrou no xornalismo e ten unha longa traxectoria en radio e televisión. Na Radio Galega presentou e dirixiu durante oito anos o magacine As tardes da Galega e na TVG presentou diversos programas como Ciencia nosa, En pé de festa, Que boa tarde ou Os directos da Galega, entre outros. É ademais actriz de dobraxe.

Como autora, céntrase no público infantil. Ten publicado entre outros, O Fillo do Pintamonas (Tambre), Boa Sorte (Baía), O tempo do revés (Baía), Vou ter un irmán! (Galaxia), e os libros divulgativos O libro do noso mar (Lea, 1999) e Ecoloxía na aula (Lea, 1998).