A Praza de Bugallal ábrese por completo ao uso público

Esta fin de semana do 11 e 12 de xuño

Ponteareas | A Praza de Bugallal abrirase por completo ao uso público esta fin de semana, coa retirada dos valados que protexían até agora as 18 xardineiras instaladas neste espazo.

O Goberno municipal do BNG-PSOE anunciou que “agora, unha vez rematada a obra, que era o prioritario, se iniciarán os procedementos oportunos para depurar responsabilidades en relación con diferentes vicisitudes xurdidas durante a execución da obra, entre elas o seu retraso”.

O executivo local adiantou que “a veciñanza e os grupos municipais terán toda a información sobre o acontecido e poderán verificar con transparencia as adversidades que o goberno tivo que afrontar e ás que respondemos cunha defensa firme dos intereses municipais”. Con independencia das responsabilidades que se esixirán, o goberno local pediu desculpas polos trastornos causados á veciñanza e que tamén prexudicaron ao propio goberno municipal, “primeiro interesado en que as obras se executen en tempo e forma”.

O goberno do BNG-PSOE considera que as incidencias na execución da obra non deben apanar a gran transformación realizada neste espazo central da vila e lembra que “antes tiñamos unha praza pequena que era unha rotonda rodeada de catro carrís para circular e aparcar coches, con beirarrúas estreitas e que contaba con só seis arbustos grandes e carecía de axardinamento. Por ese espazo circulaban a diario milleiros de vehículos en todas as direccións”.

En contraste, o executivo local salientou que “agora temos un dos maiores espazos públicos da vila para desfrute da xente, mudamos coches por persoas, seis arbustos por trinta e sete árbores de gran porte, ruído por tranquilidade, contaminación por aire limpo, inseguridade por seguridade, un lugar cheo de atrancos por un espazo accesíbel para maiores e persoas con discapacidade e cambiamos unha contorna incómoda e desagradábel por unha zona comercial atractiva”.

O goberno comprende que se suscite debate sobre a Praza, sobre o seu deseño, o tipo de pavimento, de xardineiras e de bancos ou as clases de árbores e plantas. “Todas as opinións son respectábeis, pero por enriba dos gustos particulares o importante é o modelo de vila que estamos creando con obras como a da Praza de Bugallal, da rúa Redondela, do Complexo Deportivo e Centro de Saúde ou da Praza Fernández Vega que melloran a calidade de vida, que pensan na xente, nos nenos e nenas e nos maiores, que contribúen á loita contra o cambio climático e que potencian o comercio de proximidade”, conclúe o goberno do BNG-PSOE.