A por eles que xa son nosos!

Hoxe xa se coñece o papel decisivo do rei Juan Carlos I na preparación do que se deu en chamar Golpe de Estado do 23-F. En declaracións a Iñaki Anasagasti, publicadas no seu blog, o que foi asesor do rei, Sabino Fernandez Campode, escribe que por varias veces durante aquela noite o rei repetira “esto no estaba previsto”. Tamén se coñece o comunicado entre o Rei e Milán del Boch cando primeiro lle espeta, despois de que se vira forzado a saír na televisión e aparecer coma o salvador do golpe: “Te ordeno que tus tropas vuelvan a los cuarteles. Yo ya no me puedo volver atrás”.

Vdes. seguro que lembran os rumores daquelas datas sobre a formación dun goberno presidido por un militar (Alfonso Armada) no que Felipe Glez. sería Vicepresidente. O rei Juan Carlos pediulle a Sabino que o que pasara alí aquela noite non se contara fóra porque “sería a fin da Monarquía”, parece que lle dixo. Sabino prometeulle que mentres el vivira non.

Voltando ao fío destas reflexións sobre o que está a pasar chegamos á conclusión que non son casualidades. Teñen un fío condutor que se estende dende aqueles anos do franquismo en que Franco lle dicía aos seus ministros : “vostedes fagan o que lles pareza pero non se metan en política; diso encárgome eu”. Claro que fixeron o que lles petou. Hoxe no IBEX 35 encontramos empresas que mamaron no ubre daqueles anos. Algunhas creceron utilizando a man de obra barata, gratis, diría eu, dos presos dos cárceres. Son datos contrastados, non é unha opinión. Son esas empresas representadas no que chaman A Patronal que estes días saen aos medios dicindo que se senten doidas porque Pedro Sánchez acordou medidas de gobeno con Pablo Iglesias e non o fixo con eles, tal como xa tiñan avanzado, ao parecer, co anterior goberno e cos sindicatos.

Entre a UE e as forzas reaccionarias deste País aquí calquera goberno que se forme ten que pedir permiso para mover os marcos. Por iso falar de gobernos de esquerda ou socialistas soa un tanto a chiste. Cando escoitamos que resulta unha barbaridade aumentar dous puntos á fiscalidade das retribucións de mais de 120.000 euros anuais porque significaría unha carga para millóns de españois, cando sabemos que o 80% dos cotizantes á Facenda cobran menos de 60.000 euros por ano, temos que pensar que o obxectivo é, como sempre, crear alarma, emitir unha e outra vez a mesma cantinela, seguindo o guión do Xefe de Información de Hitler, Joseph Goebbels, que unha mentira repetida unha e mil veces acaba sendo crida como verdadeira. .

Aí temos aos dous cachorros da dereita, fillos lexítimos dos seus pais putativos; agora acompañados por un novo fillo espúreo que naceu fóra do matrimonio e quere ter VOX cantante na orquestra. Ata se atreven a ir a Bruxelas para solicitar que non se lle dea luz verde á proposta de orzamentos presentada polo actual goberno de Pedro Sánchez. A ningún dirixente de esquerdas se lle ocorreu semellante cousa cando foi a dereita quen gobernou. Pero seguen o guión trazado naqueles tempos da Transición: a esquerda serve para acompañar e facer coros; pero para gobernar, para levar a voz cantante do goberno deste País xa estamos nós, din estes próceres que tanto eco atopan entre os españolitos que, como dixo o poeta, veñen ao mundo e que unha das dúas Españas lle xelará o corazón.

Ben, como diría Tip e Coll, para a próximas falaremos do Goberno. Nesta ocasión esperaremos a que se clarexe algo máis o panorama en Cataluña para ter máis datos e poder albiscar por onde pretenden levarnos estes xogadores da política que brincan connosco como monecos de feira.

Sexan felices se poden. Inténteno, polo menos.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»