A por eles que xa son nosos!

Estamos vivindo momentos curiosos na historia deste País. Digo curiosos por quitarlle ferro, porque realmente son momentos complicados e de difícil solución.

Rajoy tivo que abandonar a Moncloa por unha moción de censura presentada por Pedro Sánchez que, curiosamente, non era, nin é, deputado. Pero foi quen de concitar un acordo entre todos os deputados , agás os populares e os de Ciudadanos, para poder poñer a Rajoy “en la pute rue”, logo de coñecerse por vía xudicial a financiación ilegal do Partido Popular.

Podiamos pensar que as cousas poden cambiarse e os máis necesitados `poden ver unha luz ao final do túnel; dese túnel escuro que cada fin de mes aparece nas súas vidas e non saben como saír del.

Levamos máis de 40 anos sendo adoutrinados paseniñamente, como quen non quere a cousa, coma unha mormaceira á que non lle dámos importancia pero que remata deixándonos enchoupados.

Os poderes fácticos deste país repiten machaconamente que á morte de Franco os españois fomos quen de dotarnos dunha Constitución democrática, modelo a seguir por outros países do mundo. Isto non é verdade. Isto é a verdade oficial, pero a real é que existiu un acordo expreso nuns casos e tácito noutros para que, como di Lampedusa “todo cambiase para que nada cambiara”. E así foi. Aquí temos de salvar aos representasntes vascos e cataláns que si fixeron cesión de dereitos xa adquiridos con anterioridade para que o xoguete non se rompera, coa promesa dos demais de ser flexibles á hora de negociar as competencias correspondentes a estas nacións do Estado. Aquí foi destacada a loita de Fraga para que o termo “nación” non aparecera no texto da Constitución. Aceptou o termo “nacionalidades”. El sabía que as nacións do Estado recoñecidas na Constitución serían materia de serias disputas no futuro; cousa que está ocorrendo nestes momentos.

Todo aquel movemenro pseudodemocrático que se viviu non fixo máis que lavárlle a cara ao franquismo pero sen que lle afectara ao seu organismo que segue vivo e coleando e que aínda hoxe temos que sufrir. Dísenos que Adolfo Suárez, un falanxista convicto e confeso, conseguiu que os parlamentarios daquel “parlamento de papel franquista”, se fixeran o harakiri e permitiran celebrar unhas eleccións libres, democráticas, para conformar un novo parlamento que, de seguido, dotara a este País dunha constitución democrática na que o franquismo fora un mal recordo. E así nos veñen vendendo a moto dende aquelas datas ata hoxe.

A constitución que pariron os chamados “pais da Patria, nalgún casos e Pais da Constitución noutros casos” non foi outra cousa ca un corpiño, unha camisa de forza, coa que nos ataron ben atados, como dicía Franco, de maneira que as forzas vivas procedentes do franquismo seguiran mandando, manexando os fíos deste moneco singular chamado España. E aí están hoxe mostrando os dentes de cando en vez para lembrarnos que non van permitir que se cambie unha coma daquel texto sen que os poderes militares, relixiosos (si, tamén a Igrexa xogou e aínda xoga un importante papel) e económicos o permitan.

Si, amigos lectores. Aquí ou goberna a dereita, herdeira do franquismo máis rancio, ou non teremos acougo nin sosego.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»