A Policía Local inspecciona a venda ambulante e detecta unha trintena de infraccións

Os axentes denunciaron e obrigaron a desmontar 7 postos ilegais mentres que outros 14 foron denunciados por non ter visíbel a autorización municipal

Ponteareas | A Policía Local desenvolveu o pasado sábado un amplo operativo de inspección da venda ambulante na feira de Ponteareas detectando preto dunha trintena de infraccións que foron obxecto da correspondente denuncia.

A concellería de Bo Goberno que dirixe Roberto Mera é a competente en materia de ocupación da vía pública con actividades como a venda ambulante ou as terrazas de hostelaría. Segundo o edil nacionalista “as inspeccións pretenden asegurar que a venda ambulante se exerza respectando as normas que a regulan, pois só dese xeito se garante unha competencia leal entre os propios vendedores ambulantes e co comercio local”.

A meirande parte das infraccións, un total de 14, refírense ao incumprimento da obriga de exhibir no posto a tarxeta coa autorización municipal. Esta obriga pretende facilitar o control da venda ambulante evitando a presenza de vendedores non autorizados e que as persoas consumidoras dispoñan tamén da información que identifica ao titular do posto. Os postos que incumpriron esta obriga enfróntanse a unha sanción de entre 50 e 100 euros.

Ademais, a Policía Local detectou 7 postos ilegais de venda ambulante, que exercían a actividade sen ningunha clase de autorización municipal. Trátase na meirande parte dos casos de vendedores que, aproveitando a ausencia doutros autorizados, ocupan os seus lugares de maneira irregular. Os responsabeis foron obrigados a desmontar os postos e ademais foron denunciados.

Por outra banda, abrirase expediente a outros catro postos máis nos que co consentimento dos seus titulares exercían a venda ambulante persoas non autorizadas. Neste caso os infratores enfróntanse a unha sanción de até 200 euros.

Por último un vendedor foi denunciado por carecer da máscara e outro por cambiar a ubicación do seu posto sen autorización.

Roberto Mera adiantou que as inspeccións serán habituais a partires de agora e se ampliarán a outros aspectos como a comprobación de que os vendedores están dados de alta na seguridade social e co pagamento das súas cotas ao día.