A Policía Local de Ponteareas detecta un alarmante aumento das infraccións desde a implantación das faixas horarias

Ponteareas | A Policía Local de Ponteareas ven detectando un alarmante aumento das infraccións desde que o pasado sábado día 2 de maio se implantaron as faixas horarias de saída á rúa. Desde o inicio do estado de alarma a Policía Local levantou un total de 114 actas de denuncia das que máis de 20 se corresponden cos últimos días.

Máis dun cento de ponteareáns foron xa denunciados durante o estado de alarma por incumprir as normas de confinamento e distanciamento

Segundo informa o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, a maioría das infraccións están relacionadas coa vulneración das normas de mobilidade. As denuncias máis habituais refírense a saídas fóra dos horarios autorizados, persoas en grupos, persoas acompañadas por outras alleas á unidade familiar e menores acompañados de dous adultos. Tamén se teñen detectado infraccións nos horarios reservados para os menores nos que se observaron nenos e nenas interactuando e compartindo xogos con moitos outros. Os seus pais ou nais foron denunciados por desentenderse dos seus fillos e fillas e do risco que corren para a súa saúde.

Entre as denuncias atópase unha a tres adultos que xunto con catro menores celebraban unha festa con bebida e música no parque de San Roque. Nestes días tamén foron denunciadas até dez persoas diferentes que se atopaban na Freixa fóra de horario e acompañados de máis persoas alleas á unidade familiar. Tamén destaca entre as denuncias a interposta contra unha persoa positiva de coronavirus e obrigada a permanecer en corentena, pero que foi inteceptada nun control da Policía. Outra persoa tivo que ser reducida e detida tras ser requirida pola Policía Local e darse á fuga pola beira do Tea. Neste caso e noutros, a infracción tramitouse como delicto e foi obxecto de xuízo nos xulgados de Ponteareas con condea ao infractor. Nun control tamén se detivo a unha persoa con orde de busca e captura que pasou a disposición xudicial. Ademais, unha media ducia de persoas foron reincidentes tras ser denunciadas varias veces.

Mera considera preocupante o nivel de incumprimento das normas por unha parte pequena da poboación, pero suficiente para “poñer en serio risco o sacrificio e o esforzo feito por toda a poboación. Co seu comportamento incívico, insolidario e inconscente as persoas infractoras están contribuindo a que se poida producir un rebrote da epidemia coas consecuencias sanitarias, sociais e económicas que tería”. O concelleiro felicitou á Policía Local que ven “actuando de forma exemplar, con risco para a súa saúde e cunha vocación de servizo público que todos e todas debemos agradecer”.

Por outra banda, a Policía Local informa que a emisión de música nos balcóns non se seguirá tolerando pois “unha vez que toda a poboación pode saír á rúa carece de calquera xustificación“. Varias persoas foron denunciadas durante o confinamento por poñer música por tempo prolongado causando molestias á veciñanza.

Diante desta preocupante situación a Policía Local reforzará nos vindeiros días a vixilancia e actuará co máximo rigor para frear as infraccións e protexer á maioría da poboación que cumpre escrupulosamente coas normas de distanciamento e seguridade.