A oposición de Ponteareas denuncia ante Facenda a demolición da Escola Infantil

Argumentan posible “incumprimento” das condicións das obras financiadas con fondos europeos

Ponteareas | Os tres grupos da oposición no Concello de Ponteareas, BNG, PSOE e PEC, presentaron conxuntamente unha denuncia administrativa diante da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda por un posible incumprimento das condicións de durabilidade das obras de mellora da eficiencia enerxética executadas na antiga Escola Infantil Municipal de Ponteareas, financiadas con fondos europeos.

Segundo recollen os grupos denunciantes, o Concello destinou máis de 100.000 euros á rehabilitación enerxética da escola infantil, dos cales o 80% corresponderían a financiamento europeo FEDER. Porén, denuncian que o inmoble está sendo demolido polo goberno de Nava Castro antes de que transcorrese o período mínimo de conservación esixido pola normativa europea.

BNG, PSOE e PEC consideran que este feito podería supoñer un incumprimento do artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que establece que as actuacións financiadas con fondos europeos deben manterse durante un mínimo de cinco anos desde o momento do pago final da axuda ao beneficiario. Segundo sinalan os tres grupos políticos, a propia documentación da operación sitúa o peche administrativo da actuación en decembro de 2023, polo que o período de durabilidade non remataría, como mínimo, ata decembro de 2028.

Os grupos da oposición advirten de que a demolición “inxustificada e caprichosa” impulsada polo goberno municipal de Nava Castro pode ter graves consecuencias económicas para o Concello de Ponteareas, ao poñer en risco a continuidade dunha inversión financiada con fondos europeos. BNG, PSOE e PEC sinalan que “o derrubo da antiga escola infantil podería obrigar ao Concello a reintegrar total ou parcialmente as axudas europeas recibidas, ademais dos correspondentes xuros e posibles responsabilidades derivadas da mala xestión dos fondos públicos”.

Na denuncia tamén se solicita que se comprobe se o Concello comunicou previamente ás autoridades europeas ou estatais a decisión de derrubar o edificio financiado e se existiu autorización ou modificación formal da operación subvencionada. As tres formacións políticas consideran especialmente grave que unha actuación financiada con fondos públicos europeos para mellorar a eficiencia enerxética dun edificio municipal remate coa desaparición física dese mesmo inmoble apenas uns anos despois da execución das obras.

BNG, PSOE e PEC sinalan ademais que esta actuación pode comprometer tamén a credibilidade institucional do Concello na xestión de fondos europeos, polo que reclaman “máxima transparencia, rigor e responsabilidade política” na utilización deste tipo de financiamento.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.