A novela “Aquí comeza o mar”, presentado en Ourense

Luís Tosar presentou “Taracea Marroquí”

Ourense | A obra gañadora do XL Premio de novela Eduardo Blanco-Amor, “Aquí comeza o mar”, da escritora coruñesa Blanca Riestra, xa está nas librarías. O libro, publicado pola Editorial Galaxia, foi presentado na Deputación de Ourense coa presenza do vicepresidente segundo da institución, César Fernández; o presidente da Fundación Eduardo Blanco-Amor, Luis González Tosar; o presidente da editorial, Antón Vidal; e maila propia autora.

No acto presentouse tamén o libro Taracea Marroquí, que rescata a produción xornalística do escritor ourensán durante unha viaxe a Marrocos en 1935.

Antón Vidal tivo palabras de agradecemento para a Deputación por manter este galardón, para a Fundación Eduardo Blanco-Amor por facilitar a incorporación de Galaxia ao padroado, e tamén para a escritora por elixir a editorial para publicar o seu libro, “pois tal e como indican as bases do premio, a edición da novela gañadora queda en mans do autor”.

Blanca Riestra recoñeceu que o premio foi “unha sorpresa e unha honra enorme como admiradora de Blanco-Amor e como o premio máis prestixioso de novela en lingua galega”.

Definiu o seu libro como unha “reflexión propia sobre a evolución dunha xeración, do meu entorno, tamén de xénero, dun país e dunha lingua que é un luxo e un privilexio”.

Aquí empeza o mar retrata á cidade da Coruña na década dos anos oitenta a través dunha crónica da súa sociedade, marcada por unha serie de personaxes como o que fora alcalde da capital, Francisco Vázquez, e movementos como o intento de creación dunha cidade-estado ou a loita por converterse na capitalidade de Galicia.

Luis González Tosar quixo destacar a elección “por unanimidade do xurado” da obra gañadora do XL Premio de novela Eduardo Blanco-Amor, o galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco-Amor e dotado cun premio de 15.000 euros.

Taracena Marroquí
Tosar presentou un segundo libro, Taracea Marroquí, que rescata a produción xornalística de Blanco-Amor. Trátase dunha recolleita de “oito deliciosas crónicas cunha prosa brillantísima” escritas para El Pueblo Gallego con motivo da viaxe que en 1935 realizou a varias cidades do norte de Marrocos, “reflectindo a realidade social e política do entón protectorado español e francés”. O libro reproduce ademais preto de trinta imaxes tomadas polo xornalista, algunhas aínda inéditas. Ademais do apoio da Deputación, Tosar destacou que este libro “é froito da colaboración entre a Fundación e maila Editorial Galaxia”, propietaria dos dereitos de autor de Blanco-Amor “e encantada a promover esta nova colección de xornalismo e fotografía”, apuntou Antón Vidal.