A mocidade ponteareán deseña “A Vila do Mañá”

O proxecto da UDC foi premiado na XIII Bienal Iberoamericana de Arquitectura y Urbanismo (BIAU)

Ponteareas | A acción “A Vila do Mañá” aterra en Ponteareas para traballar co alumnado dos centros educativos. Este proxecto da Asociación que leva o mesmo nome ten tamén o selo do Grupo de Investigación en Composición e Patrimonio Arquitectónico (GICAP) da Universidade de A Coruña e foi premiado na XIII Bienal Iberoamericana de Arquitectura y Urbanismo (BIAU) na categoría Pedagoxía.

Explica o concelleiro de Ensino, Ricardo González, que ao longo deste terceiro trimestre o alumnado traballará con este equipo de arquitectos na elección do seu lugar favorito. A través dun marco dourado, as nenas e nenos percorrerán o espazo público seleccionando elementos significativos do seu día a día, nunha actividade transversal organizada polas concellerías de Ensino, Xuventude e Urbanismo, que promove a reflexión sobre como é e como lles gustaría que fose a súa vila.

Diante do Concello, na primeira sesión realizada, o alumnado de 6º de Primaria do CEIP Fermín Bouza Brey. foi recibido pola alcaldesa, Nava Castro; polo concelleiro de Xuventude, Cristian Montes; pola concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández; e polo concelleiro de Ensino, Ricardo González.

O edil de Ensino destacou que “escoitar á infancia é clave para construír unha vila máis participativa e adaptada á cidadanía”. O proxecto desenvolverase en tres sesións, a primeira saíndo á rúa para capturar os lugares de interese para a infancia e xuventude, a segunda no propio centro educativo para deseñar a acción final e a terceira na que contruirán e materializarán a súa proposta final. A ollada das e dos nenos quedará recollida nunha publicación final que recollerá a aportación de todos os centros educativos.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, sinalou que “dar voz ás nenas e nenos é fundamental para avanzar cara a un modelo de vila máis inclusivo”. A iniciativa conta co apoio do Ministerio de Cultura e do Concello de Ponteareas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.