A Ministra de Educación e Formación Profesional recoñece o labor de Ponte…nas ondas!

Pilar Alegría felicitou o labor de "visibilizar o patrimonio cultural inmaterial" de Galicia e Portugal

Vigo | “Visibilizar e revitalizar o patrimonio cultural inmaterial contribúe ao benestar e a calidade de vida das sociedades fomentando o aproveitamento social e económico das poboacións dunha forma ecolóxica e responsablemente sostible”, subliña Pilar Alegría, ministra de Educación e Formación Profesional, na carta oficial remitida á Asociación cultural e pedagóxica Ponte…nas Ondas!

Sostén a ministra nesta misiva que contribuír hoxe en día a darlle visibilidade a ese tesouro invisible “que é a lingua que comparten dúas comunidades desde a época medieval”, é fundamental para “preservar o patrimonio cultural que moitas veces reside fóra da educación formal”.

Hai que recordar ao fío que Ponte…nas ondas! vén reivindicando a inclusión do patrimonio cultural galego-portugués nos currículos dos sistemas educativos galego e portugués.

En apoio dun modelo pedagóxico innovador e participativo
Destaca na súa carta a ministra de Educación a relevancia dunha pedagoxía “activa, participativa, crítica” que sitúe no centro do proceso ao alumnado dos diferentes niveis escolares e aos portadores do saber tradicional como “valor engadido moi importante” á educación.

Unha valoración que vén ao encontro da experiencia de Ponte…nas ondas! onde o alumnado é o protagonista principal xunto coas persoas portadoras do patrimonio inmaterial galego-portugués.

O Ministerio de Educación considera así que a experiencia de comunicación PONTE…NAS ONDAS! “é un modelo innovador e un claro exemplo de renovación pedagóxica xurdido na fronteira galego-portuguesa” e é “ un importante instrumento educativo para a salvagarda, a transmisión e a preservación do patrimonio inmaterial galego-portugués”. Xustamente, a inscrición na UNESCO do modelo Ponte…nas ondas! vai respaldar e recoñecer a experiencia de comunicación como unha das boas prácticas para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.

Finalmente, recoñece Pilar Alegría que o proxecto educativo de Ponte…nas ondas! “ten demostrado unha solidez e uns principios pedagóxicos” que lonxe de quedarse anquilosados, souberon adaptarse aos novos ámbitos da comunicación “para constituír uun modelo exemplar de retransmisión do patrimonio”.

Esta re-tramsmisión do patrimonio é eixo central no que Ponte…nas ondas! ten incidido ao longo da súa traxectoria, mediante as emisións radiofónicas e audiovisuais e fomentando unha “nova transmisión” do patrimonio ás novas xeracións.

Vinte e sete anos de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva máis de vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.

En decembro de 2022 decidirase a inscrición de Ponte…nas Ondas! na UNESCO como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO. A candidatura foi presentada por parte de Portugal e España en marzo de 2021, será a primeira inscrición para Portugal e Galicia.

Outros artigos