“A miña maior satisfacción foi rematar o Centro de Saúde en medio da pandemia”

Loli Castiñeira | Ex Alcaldesa de Salceda de Caselas
Loli Castiñeira (Movemento Salceda) foi a primeira muller alcaldesa na historia de Salceda de Caselas (2019-2021).

Loli Castiñeira (Movemento Salceda) foi a primeira muller alcaldesa na historia de Salceda de Caselas (2019-2021), dando paso en xuño pasado como nova alcaldesa a Verónica Tourón (PSdeG-PSOE) tras o pacto de traspaso de gobernó na Corporación Municipal ata 2023. Castiñeira ten agora as responsabilidades de Tenencia de Alcaldía e as concellerías de Vías e Obras, Persoal, Igualdade e Coordinación de Proxectos.

Podemos falar neste caso da famosa “lúa de mel” dos “100 días”?
Non son precisos. Trátase da continuidade dun traballo feito en equipo. Independentemente de quen ocupe a presidencia tíñamos claro que é un proxecto a catro anos. Agora tócalle á compañeira Verónica Tourón. Nos primeiros dous anos tiven o privilexio de ser a representante de Salceda de Caselas como Alcaldesa; polo tanto, eses cen días están ben para pór a proba a fluidez e a solvencia do equipo de goberno que segue funcionando unido como o primeiro día.

“Trátase da continuidade dun traballo feito en equipo. Independentemente de quen ocupe a presidencia tíñamos claro que é un proxecto a catro anos”

Vostede xa tiña experiencia de goberno. Iso, é de suponer, que lle facilitou as cousas cando foi alcaldesa, así como para axudar á nova alcaldesa.
Dicía antes que temos claro que este goberno funciona e vai seguir funcionando se temos esa concepción de equipo. Dende a Tenencia de Alcaldía a Alcaldesa sabe que conta co meu traballo e dos catro concelleiros e concelleiras de Movemento Salceda para que ese proxecto iniciado poida ter resultados positivos para a veciñanza, que é o que importa.
Antes de ser Alcaldesa xa tiña experiencia dos oito anos en diferentes concellerías. Nesta nova etapa voume encargar daqueles proxectos iniciados na etapa anterior para que haxa unha continuidade. Evidentemente, estando “man con man” coa nova Alcaldesa

Qué quedou sen facer da súa xestión que agora tentarán rematar?
Seguro que os proxectos iniciados van ser rematados. Un deles é a senda peonil e ciclista que vai dende o centro da vila ata Parderrubias cunha inversión de case 900.000€. Cremos rematará este ano. Garantizará a seguridade viaria ofrecendo, ademáis, unha serie de servizos como saneamento e mellora da traída de augas veciñais. O diálogo coa Xunta de Galicia para a ampliación do IES de Pedrarrubias para a implantación do bacharelato. Xa recibimos a boa noticia de que por fin vai adiante; será licitado a comezos de 2022. Este é un traballo conxunto da Corporación, do PP, PSOE, Movemento Salceda e dos colectivos sociais, dirección do IES, ANPA, colectivo social SAPIS coa recollida de 5.000 firmas. O importante non é quen o comezou ou quen o remate senón que exista unión e que os proxectos se cumpran. Salceda ten garantida poboación escolar para moitos anos.

Cantos colexios hai en Salceda?
Temos dous, un de primaria e outro de secundaria e 300 alumnos. Por iso a necesidade desta ampliación. A plantilla de mestre/as é insuficiente, por iso acoden a outros Concellos para facer o bacharelato, o que non é normal.

Pero 300 alumnos non dan para un instituto.
Si, pero o problema é que se non xeramos os servizos, tampouco se completan. O mesmo pasa coa Galiña Azul. Se ano tras ano non nos conceden a construción desa segunda Galiña Azul, a lista da garda irá diminuíndo porque, entre outras cousas, as familias precisan conciliar. E para iso é necesario xerar servizos para que non teñan que ir a Salvaterra ou Porriño.

Pasemos ao aspecto económico. O Concello, está saneado ou está empeñado, como din dende a Oposición?
Hai pouco tempo presentamos o resultado da conta xeral. As contas do Concello están moi ben. O ano pasado levamos os maiores orzamentos á aprobación plenaria. Conseguimos incrementalos ata seis millóns de euros. Nestes momentos o endebedamento do Concello é do 5%. Só temos dous préstamos: un para pagar a expropiación do Parque Raíña Aragonta que ven dado por unha sentenza xudicial; outro é o pago a provedores; a piques de cumprirse.

“As contas do Concello están moi ben. O ano pasado levamos os maiores orzamentos á aprobación plenaria (…) O Concello ten capacidade para seguir endebándose”

O Concello ten capacidade para seguir endebándose. Pensamos pedir un préstamo para a compra e ampliación da Praza da Devesa, para construír a Casa da Mocidade. Ás veces hai que plantexar este tipo de compras a falta de Plan Xeral onde se poida construír.

O Plan Xeral está iniciado ou atascado?
O Plan Xeral presentouse no 2016 co goberno en minoría de Movemento Salceda e cos votos en contra da oposición (PP e PSOE) non se puido sacar adiante. Agora hai que facer unha nova adaptación á nova Lei do Solo. Salceda perdeu unha oportunidade de ouro. Agora traballamos cun retraso de vinte anos, talvez.

Entende que nestes momentos hai posibilidades de aprobalo?
Está claro que un Plan Xeral non é para unha lexislatura. É necesario que nesta lexislatura se comecen os traballos dun novo documento.

O director do xornal, Guillermo Rodríguez, durante a entrevista a Loli Castiñeira no seu despacho.

Nos mentideiros políticos dise que un plano de urbanismo é algo que non gusta aos alcaldes resolver porque, os propios alcaldes/as confesan que moitos votantes seus van saír prexudicados. Vostede qué opina?
Cando estás en política estás a traballar para a veciñanza. Os Planos Xerais son para dar unha serie de servizos, prestacións, ordear a poboación e garantir que se poidan evitar problemas como a revisión do catastro.

Salceda ten suficiente número de vivendas baleiras para acoller familias?
Hai un déficit de pisos e vivendas no casco urbano, consecuencia de non ter un Plano de Urbanismo. Desde 2008 non se construíu un só edificio. A poboación de Salceda segue crecendo; iso demanda moitos mais servizos e necesidades a cubrir. Pero tamén se cumpriron outros proxectos.

“Rematei o novo Centro de Saúde e que chegou nunha época tan importante como a pandemia (…)  para mín é a obra máis importante durante na miña alcaldía”

Por exemplo, rematei o novo Centro de Saúde e que chegou nunha época tan importante como a pandemia. Ter unhas instalacións como as que temos, así como chegou o quinto médico comprometido polo SERGAS, para mín é a obra máis importante durante na miña alcaldía.

Fan falla moitos servizos, dende a segunda Galiña Azul, o quinto pediatra para unha poboación que ten máis de 1.300 nenos, o tráfico pesado atravesando a nosa vila cando temos un proxecto de humanización de espazos e de rúas. Queda moito por facer pero temos a forza e estabilidade suficiente para levalo adiante.

Cando vemos “un casamento político” entre as forzas nacionalistas de Salceda?
Eu son unha persoa de mente aberta que non neguei nunca de onde veño, do BNG, e que por diferentes circunstancias comecei cun proxecto transversal como Movemento Salceda. Estou disposta ao diálogo, son unha persoa de equipo.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»