A Louriña homenaxea ás peixeiras da Praza de Abastos do Porriño

Con motivo do Día Internacional da Muller

O Porriño | A Praza de Abastos do Porriño acolleu hoxe o acto de Homenaxe ás Peixeiras incluído na programación conmemorativa do Día Internacional da Muller.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañados de membros do goberno local dos dous concellos da Louriña, visitaron a praza para visibilizar a importante contribución á sociedade que desempeñan as nosas mulleres comerciantes.

“Queremos poñer en valor o traballo das peixeiras, das placeiras e de todas as mulleres cuxo traballo diario tira do carro da economía local e da dos seus fogares”, afirmou o Alcalde Alejandro Lorenzo, “É de xustiza dicir aquí na praza, onde conflúen as vidas de todas as veciñas e veciños da Louriña, que o papel da muller foi e segue sendo esencial no progreso do Porriño e que é por elas, polas nosas avoas, polas nosas nais…polo que o mundo nunca parou de xirar. Por todas esas que dalgunha maneira fan que parezca doado o que non o é”.

No mesmo sentido se manifestou a rexedora mosense, Nidia Arévalo, que destacou o papel de “todas as mulleres que compran e venden neste lugar, todas as que levan entrando e saíndo a diario durante anos… Mulleres fortes que, sen sabelo, nos fan máis fortes a todas como colectivo: mulleres nais, avoas, irmás, fillas, netas… Mulleres como a miña avoa, a miña tía, a miña nai ou eu mesma, mulleres coma todas vós, que formamos parte activa da vida desta praza da que temos lembranzas dende a nenez”.

Tras a homenaxe, os representantes municipais visitaron a praza e a súa contorna, onde repartiron bolsas de tea co lema que este ano reivindica o 8M na Louriña, “A IGUALDADE DENDE O BERCE”.

Os actos conmemorativos do Día Internacional da Muller organizados polo Concello de Mos continúan hoxe e durante todo o mes de marzo, finalizando o 5 de abril.

Hoxe pola tarde ás 19.00 no Pazo de Mos terá lugar a homenaxe ás primeiras mulleres da industria mosense. Mañá ás 10.30 horas encontro interxeracional de mulleres mosenses cos mozos do IES de Mos. O 11 de marzo Taller de solo pélvico. Tamén o 11 de marzo monólogo “Ler o prospecto antes de….”  no C.C. Abrente ás 21:00 h. O 12 de marzo monólogo “Ler o prospecto antes de….” no Centro Cultural de Herville ás 21:00 h. O 13 de marzo concerto das Girl’s Gang 2º pase. O 5 de abril ás 19:00 h presentacion do Plan de Igualdade do Concello de Mos. E os días 24, 25, 31 de marzo e 1 de abril, xornadas de intervención contra a violencia de xénero.

As “I Xornadas de Intervención e tratamento contra a violencia” serán impartidas por técnicos (xuízas, mestras, psicólogas, avogadas… entre elas Mariña Marroquí, que é escritora e educadora social) e, entre outras, Concepción Cendón, psicóloga forense, Asunción Lois, avogada responsable da quenda de oficio de vítimas de violencia do Colexio de Avogados de Vigo, etc.