A licitación o servizo da auga en Ponteareas

Por un importe mínimo de 1.671.000 millóns€ e un máximo de 9.300.000€

Ponteareas | O Goberno municipal do BNG-PSOE continua avanzando nos trámites para licitar a concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración.

O executivo local prevé aprobar no pleno do vindeiro 31 de xaneiro o anteproxecto de explotación, que inclúe como obriga para a próxima concesionaria a realización de numerosas e importantes obras de abastecemento de auga, saneamento e depuración en diferentes parroquias por un importe mínimo de 1.671.000 millóns de euros e até dun máximo de 9.300.000 euros, en función das ofertas que presenten as empresas interesadas.

A concesión do servizo será por un período de 20 anos e a empresa concesionaria deberá abonar un canon total nese período de máis de 1.300.000 euros. Ademais dos investimentos que a concesionaria terá que realizar en obras públicas, o servizo incluirá a xestión do saneamento e do baleirado de fosas sépticas, xa que até agora a concesionaria unicamente se ocupaba do abastecemento e da xestión da depuradora da Moscadeira.

Antecedentes
A anterior adxudicación deste servizo realizouse no ano 1989 á empresa Aquagest, actualmente Viaqua, e en 1998 ampliouse o prazo até 2020, é dicir, un total de 31 anos.

Ademais, en 2012, o goberno presidido por González Solla ampliou a concesión á xestión da Estación de Tratamento de Auga Potábel directamente sen licitación, o que deu lugar en 2014 a investigacións policiais e xudiciais, coñecidas como Patos e Pokemon, por presuntas irregularidades atribuídas ao alcalde González Solla e á concelleira Belén Villar, ao constatar a entrega de agasallos por parte da concesionaria. A investigación foi finalmente arquivada.

Esa investigación provocou o retraso nesta nova licitación xa que a xustiza, no marco de ditas operacións, incautouse no Concello de Ponteareas, a través da Policía Xudicial, de toda a documentación relativa á concesión que foi devolta recentemente polo Xulgado, posibilitando así a tramitación da nova concesión.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “o modelo que imos implantar supón un avance crucial en beneficio do interese xeral de Ponteareas. A diferenza da anterior concesión, da que non se obtiña ningunha mellora nin vantaxe para a veciñanza, a empresa que agora xestione o servizo terá que realizar cun custo cero para o Concello numerosas obras de abastecemento de auga, saneamento e depuración no noso rural, que poden chegar a acadar case 10 millóns de euros. “Ademais, fronte aos 31 anos da anterior concesión esta limítase a 20 e inclúe tamén a xestión da rede de saneamento e o baleirado de fosas sépticas. E todo o proceso faise coa máxima transparencia”, sinalou.

Unha vez aprobado o anteproxecto exporase ao público e tras resolver as alegacións que se poidan presentar, o Concello licitará o servizo.