
Lugo | José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e Rosa María Crujeiras, reitora da Universidade de Santiago de Compostela, escenifican o acto de entrega de chaves do “Muiño de Olga”, propiedade da CHMS, en favor da USC, tras realizar a súa rehabilitación por un valor de máis de 790.000 euros e froito da firma dun convenio entre as dúas entidades.
Trátase dun edificio construído orixinalmente para muíño hidráulico de río, con catro rodicios, transformado con posterioridade en restaurante, sen alterar irreversiblemente a súa configuración arquitectónica; dispón de dúas plantas sobre o nivel das augas e unha baixo estas, onde se sitúa todo o circuíto hidráulico.
A estrutura e o sistema envolvente, como é propio dunha construción tradicional, conforma un único elemento construtivo, neste caso, definido por muros de carga de lajas de lousa, propio da zona xeográfica onde se sitúa o muíño, revestido internamente por unha capa de morteiro de cal. A estrutura horizontal resolvíase con pezas enteirizas de madeira de castiñeiro, simplemente apoiadas nos muros citados sobre a que se estendía o piso de madeira de táboas do mesmo material.
Compromiso da USC
Pola súa banda, a USC dotará de contido esta infraestrutura para o seu uso como punto de divulgación científica e de transferencia de coñecemento. “Hai que lembrar que as Universidades teñen entre as súas funcións, a difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico e social, polo que consideramos que esta cesión terá un uso adecuado de difusión da cultura tradicional, da historia e do valioso patrimonio etnográfica co que conta a nosa Comunidade Autónoma” incidiu o presidente.
“A cesión deste antigo muíño, propiedade da CHMS, para uso educativo e de investigación, propiciará a posta en valor dos ríos e das infraestruturas fluviais tradicionais, moi importantes, sobre todo, na parte lucense da demarcación do Miño-Sil” concluíu. Quiroga.
“Este é un proxecto especialmente importante porque nos permite recuperar un elemento do noso patrimonio hidráulico e, ao mesmo tempo, darlle unha nova función vinculada directamente ao coñecemento, á formación e á transferencia”, indicou a reitora.
“Queremos que sexa un espazo vivo, conectado e integrado plenamente nas actividades do Campus de Lugo; que sexa un lugar no que se poidan desenvolver actividades formativas e divulgativas, favorecer a transferencia de coñecemento e achegar á sociedade unha cuestión tan esencial como é a auga e todo o que ten que ver coa súa xestión e conservación. E creo que aquí está precisamente o valor deste proxecto: recuperar patrimonio para xerar coñecemento e poñer ese coñecemento ao servizo da sociedade”, incidiu Crujeiras. O investimento na adaptación desta infraestrutura fluvial de 363 #m² construídos superou os 790.000€, sufragados pola CHMS na súa totalidade.




