A Guarda optará a financiación europea para modernizar a súa Praza de Abastos

Potenciando hábitos de consumo máis sostibles

A Guarda | O pasado 4 de agosto presentouse ante o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo un proxecto integral de apoio ao comercio establecido no mercado municipal da Guarda no que se solicita unha axuda de 261.172€ procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

A intervención ten como obxectivo converter o mercado municipal, un referente en calidade, nun espazo para a cohesión social que actúe como tractor do comercio minorista, e en definitiva como dinamizador económico para o resto do comercio local.

A clientela que acude a día de hoxe ao mercado ten diversas motivacións: buscan a calidade dos produtos e unha boa relación calidade-prezo, queren impulsar a agricultura e os produtos locais, buscan o ambiente e o bo trato do mercado e, para outros/as, ir á praza é cuestión de costume. A través desta intervención o que se pretende é mellorar a experiencia de compra desa clientela habitual e, sobre todo, captar a nova clientela e conseguir que acaben acudindo ao mercado para facer a súa compra diaria, e non só dun xeito ocasional.

Algunhas das accións concretas que se incluirían dentro desta actuación serían a instalación de taquillas intelixentes para a recollida de pedidos fóra do horario comercial do mercado, un programa de formación e mentorización individual para praceiros/as sobre ferramentas dixitais e fomento da economía circular, a creación dun observatorio do comercio, campañas de marketing dixital, diversas actuacións para fomentar a redución no uso de bolsas e envoltorios de plástico, ou a creación dun espazo denominado “A cociña do mercado”, que se converterá nun foco de actividades de dinamización e posta en valor dos produtos do mercado.