A Guarda celebrou xornada sobre patrimonio cultural inmaterial

No marco do proxecto cultural europeo Atlantic Culture Scape

A Guarda | O pasado día 10 de marzo, tivo lugar nas instalacións do Concello da Guarda a xornada sobre Posta en Valor do PCI na Guarda, có obxectivo principal de analizar e desenvolver novas ideas, produtos ou servizos que contribuirán a valorización do rico Patrimonio Cultural Inmaterial existente no Concello, como un dos elementos dinamizadores da economía local.

Esta xornada que se desenvolve no marco do proxecto europeo Atlantic Culture Scape, que ten como obxectivo o desenvolvemento dunha Ruta Europea do Patrimonio Cultural Inmaterial no Eixo Atlántico (sendo A Guarda o concello elixido para a rexión de Galicia), contou coa presenza ademais de Pilar Muñoz como coordinadora desta iniciativa por parte da Universidade de Vigo, cós expertos en patrimonio cultural Manuel Bugallo e Xoaquín Miguel Villa.

O encontro contou cunha ampla participación, xa que se reuniron máis dunha vintena de asistentes, que participaron en representación das asociacións, profesionais, empresas e persoas do concello interesadas ou que desenvolven a súa actividade neste ámbito temático, e que ademais de escoitar aos expertos participaron nun grupo de traballo para desenvolver novas ideas que contribuirán a posta en valor do patrimonio e dinamización turística da vila.

Ao final do evento presentáronse cinco ideas, que se traducen en cinco rutas turísticas que poñen en valor tanto a cultural mariñeira, como a gastronomía e artesanía da vila, contornos menos coñecidos para os visitantes como o Monte Torroso e a parroquia de Salcidos, as casas indianas e a pegada da emigración ou o valor de vivir experiencias da man de profesionais e artesáns da zona.

Este primeiro encontro abre un proceso de valorización do patrimonio cultural inmaterial no concello, no cal se levarán a cabo accións participativas e formativas encamiñadas ao desenvolvemento de experiencias turísticas ligadas ao Patrimonio Cultural inmaterial.