A Guarda celebra o 90º aniversario da usuaria máis activa da súa Piscina Municipal

Trátase de Domitila Vicente Franco

A Guarda | O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, visitaron na xornada deste mércores día 20 de abril a Piscina Municipal da Guarda para dar os parabéns a Domitila Vicente Franco polo seu 90º aniversario.

Tomitila ou “Tila”, como lle chaman as súas amizades, leva 24 anos asistindo ininterrompidamente á Piscina Municipal da Guarda, sendo a usuaria máis activa dende a posta en marcha deste servizo no ano 1998.

Foi por este motivo que o persoal da Piscina e as súas compañeiras de grupo da Piscina quixeron darlle esta agarimosa recepción, na que no faltou o cumpreanos feliz, as fotos, os cantos e as risas.

Conta Tila que foi un médico o que lle recomendou asistir á piscina para levar mellor algúns problemas que padecía de mobilidade nas pernas, pero a cousa converteuse nunha afección da que non houbo maneira de separala, indicando que moitas veces tamén ía á piscina os sábados e domingos, aínda que agora só vai de luns a venres.

Tila aproveita tamén o seu día a día para camiñar pola vila, dando un paseo dunha hora despois de asistir á piscina á mañá e outro pola tarde.

A Concelleira de Deportes quixo por de manifesto o exemplo que é Tila para moitas persoas, animando aos veciños e veciñas da Guarda a que aproveiten este servizo municipal e se apunten á piscina para facer deporte, cos importantes beneficios para a saúde que supón.