
A Caniza | A sétima edición do “Cocido Canicense” celebrarase do 26 de outubro ao 1 de novembro con oito restaurantes ofrecendo os seus menús tradicionais nunha semana de promoción gastronómica que inclúe o sorteo de 30 noites de hotel para dúas persoas. Os establecementos participantes son Restaurante Os do Resero; Restaurante Eido do Monte; Restaurante Arela; Chiringuito da Avoa; Xamonería Xatomé; Área de Servizo; Bar Piri Piri e O Noso Bar.
A gastronomía tradicional volverá ocupar un lugar destacado na axenda de outono da Caniza coa celebración da sétima tempada do Cocido Canicense. Entre o 26 de outubro e o 1 de novembro, os establecementos adheridos á iniciativa convidarán a veciños e visitantes a descubrir unha das elaboracións máis afamadas da cociña local, nunha proposta que combina tradición, produto e promoción turística.
A nova tempada presentouse esta mañá no restaurante Os do Resero nun acto encabezado polo Alcalde Luis Piña, acompañado pola Concelleira Paula Bacelar e polos Alcaldes de Melón, Carballiño e Gondomar, Emilio Díaz, Paco Fumega e Paco Ferreira.
O encontro serviu para dar a coñecer os detalles desta nova convocatoria e destacar o papel da gastronomía como recurso para dinamizar a actividade local, apoiar a hostalería e atraer visitantes.
Durante a semana promocional, os restaurantes participantes ofrecerán o tradicional Cocido Canicense, unha proposta que reivindica os sabores da cociña galega e a elaboración ligada aos costumes de sempre:Chourizos de cebola e de carne, fuciño, rabo, orella, cacheira, lacón, touciño, costela, pito e carne de vacún conforman este prato, acompañado de patacas, fabas, garavanzos, cenorias e verdura ou repolo. Unha combinación de ingredientes que converte o cocido nunha comida de encontro, arredor da cal se mantén viva unha parte importante da cultura gastronómica galega.
O menú complétase cun tazón de caldo, sobremesa de arroz con leite ou leite frita e café. A proposta acompáñase dos viños da D.O. Rías Baixas das adegas locais Eido da Fonte e Abelán. Nesta edición participan os restaurantes Os do Resero, Eido do Monte, Arela, Chiringuito da Avoa, Xatomé, Área de Servizo, Bar Piri Piri e O Noso Bar.
30 noites de hotel para descubrir A Caniza
A campaña gastronómica chega acompañada dunha iniciativa destinada a incentivar as visitas ao municipio. As persoas que degusten un menú de Cocido Canicense nos locais participantes durante a semana promocional recibirán unha rifa para entrar no sorteo de 30 noites de hotel con desayuno para dúas persoas nos establecementos de aloxamento da Caniza. O sorteo celebrarase o 13 de novembro. A través desta proposta, o Concello busca agradecer a confianza dos clientes e animar a quen se achegue á vila a prolongar a súa visita, descubrindo outros atractivos do territorio.
Na presentación participaron os Alcaldes de Melón, Emilio Díaz; do Carballiño, Paco Fumega; e de Gondomar, Paco Ferreira, que agradeceron a invitación á presentación e felicitaron á hostalería canicense polo inicio dunha nova tempada do Cocido. Este encontro permitiu compartir experiencias arredor da promoción do territorio e da capacidade da gastronomía para xerar interese turístico.
Emilio Díaz salientou o arraigo desta tradición e asegurou que “cando faltan a nai ou a avoa na casa, o mellor lugar para tomar o cocido é A Caniza”. Pola súa banda, Paco Fumega puxo en valor os paralelismos entre esta iniciativa e a tradición gastronómica do Carballiño, onde a exaltación da cachucha constitúe tamén un importante referente culinario e turístico. Finalmente, Paco Ferreira destacou a estreita vinculación entre a vila e a súa gastronomía, afirmando que “falar de cocido é falar da Caniza, do mesmo xeito que falar de xamón é falar da Caniza, con maiúsculas”.
Na presentación o Alcalde da Caniza lembrou a estreita relación entre os cocidos e a chegada do frío, unha época especialmente propicia para gozar dos pratos de cociña lenta e familiar. Tamén destacou o labor que desenvolve o Concello ao longo de todo o ano para promocionar o cocido e o xamón nas principais feiras de exaltación gastronómica, xunto cos recursos turísticos do municipio, como as rutas de sendeirismo e o observatorio nocturno de Montouto, recentemente acreditado pola Fundación Starlight como Parque Estelar, un recoñecemento que sitúa A Caniza como referente en Galicia para a observación do ceo nocturno e abre novas posibilidades para o desenvolvemento do astroturismo
Para pechar o acto, agradeceu a colaboración da hostalería local, das adegas e persoas que colaboran no desenvolvemento da campaña do cocido así como a presenza dos Alcaldes. Luis Piña animou a veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova tempada e a aproveitar a cita gastronómica para coñecer A Caniza.




