A Fundación Casares convoca concursos de pixel art e de game jam

Dentro das II Xornadas “Videoxogo e Literatura”, a Fundación Carlos Casares premiará dúas competicións que mesturan videoxogo, arte e literatura

Vigo | A Fundación Carlos Casares organiza, os días 11 e 12 de setembro, a segunda edición das Xornadas “Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal”, na que se debaten e analizan a situación e perspectivas do sector do lecer interactivo en Galicia e as súas posibles sinerxías co sector cultural, con especial atención á literatura, e se impartirán faladoiros especializados. O evento terá lugar, igual que o ano pasado, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

Como novidade desta edición decidiuse apoiar a creación de contidos culturais que mesturen as facetas do videoxogo, as disciplinas artísticas e mais a literatura, con dúas competicións: unha de arte pixelada ou pixel art e outra para o desenvolvemento de videoxogos ou game jam. O obxectivo, en ambos casos, é a creación de contido artístico dixital relacionado coa obra de Carlos Casares.

Para o concurso de arte pixelada, o prazo vai do día 20 de agosto ata o 10 de setembro, e poderán participar nel todas as persoas maiores de 18 anos que presenten unha obra orixinal, de ata un máximo de 512*512 píxeles, sobre os episodios ou personaxes da novela Ilustrísima, da que este ano celebramos o 40 aniversario da súa saída ao prelo. O primeiro premio está dotado de 250 €, e o segundo de 125 €. Ademais, as creacións artísticas poderán contemplarse no MARCO de Vigo ademais de na web das Xornadas.

O concurso de para desenvolvemento de videoxogos, ou game jam, ten como finalidade a creación dun videoxogo, en equipos de tres persoas maiores de 18 anos, e nun prazo dunha semana, cun tema concreto que está relacionado coa obra de Carlos Casares e que só saberán as persoas participantes en canto empece o período de programación. Establécese un premio de 500€ para o equipo gañador e de 250 € para o segundo equipo clasificado. O prazo para apuntarse comeza o día 20 de agosto e remata o día 31 de agosto.

As bases dos concursos poden visitarse nas web das Xornadas, na web da Fundación Carlos Casares e na do MARCO.