A Feira do libro da Coruña comeza mañá a súa andaina nos Xardins de Méndez Núñez

O pregón inaugural, a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, chegará ás 13:00 horas

 A Coruña | Mañá comeza a XLI edición da Feira do Libro da Coruña. Os Xardíns de Méndez Núñez da cidade serán de novo, e ata o venres 10 de agosto, o emprazamento para esta xuntanza coa mellor literatura e máis os volumes de divulgación.

O seu horario é mañás de 11:00 a 14:00 horas; e seráns, de 18:00 a 22:00 horas. Os volumes á venda nas casetas terán un 10% de desconto e realizaranse sorteos diarios de exemplares.

Na Feira montaranse un total de 41 casetas. Durante os días da cita, estará instalada a exposición fotográfica “No país das vacas” de Xurxo Lobato. A zona de exposición estará situada a carón da carpa de actividades.

Ademais, no recinto terá lugar a recuperación da fotografía histórica coa actividade “Fotografía Minuteira”, a cargo do artista fotógrafo Ángel Borrué.

Programa das primeiras xornadas
O mércores a actuación da Banda Municipal de Música da Coruña dará paso á inauguración oficial que chegará ás 13:00 horas, coas intervencións dos representantes institucionais e pregón a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias, poeta e presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. As portas levarán entón abertas dende as 11:00.

Ás 18:30 horas haberá sinatura de libros, a escritora Cristina Corral e a ilustradora Aurora Cascudo asinarán exemplares do seu libro Os poemas do río (Everest Galicia).

Dende as 19:00 horas tocará a presentación do libro O peizoque Roque, de Dores Tembrás, con ilustracións de Xosé Tomás (Editorial Galaxia). Participan os autores e Francisco Castro, representante da editorial.

Xa as 19.30, nova sinatura de libros: o autor coruñés José Antonio Abad asinará exemplares do seu libro-disco As catro estacións, publicado por Kalandraka.

Manuel Rivas tomará o protagonismo dende as 20:00 horas. O autor lerá un conto inédito de O máis estraño, un capítulo de Todo é silencio e inéditos de As voces baixas. Ao remate do acto, Rivas asinará exemplares.

Ás 21:00 chegará a presentación do libro La Coruña, lugares y acontecimientos de hace un siglo, de Juan Villar Ferrer, con fotografías inéditas de Juan Villar Martelo, publicado por Temporae.

O xoves día 2 haberá unha atención especial aos lectores máis novos.

A partires das 12.30 horas Xacarandaina, co seu Obradoiro de Música tradicional, provocará unha gran festa co seu achegamento á nosa música para nenas e nenos de todas as idades.

Xa as 18:00 horas tocará sesión de contacontos a cargo da actriz e escritora Paula Carballeira baseada no seu último

libro O principio (Kalandraka). Ao remate do acto a autora asinará exemplares.

O escritor Antonio Piñeiro asinará exemplares de As fiandeiras, Premio García Barros 2011 e publicado por Galaxia, tamén dende as 18:00 horas

Ás 19.00 chegará a presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación, de Carlos Arias e Mariña Pérez Rei (Bubela). Participarán, xunto con eles, Yolanda Castaño, Eva Veiga e Francisco Fernández Naval.

A partires das 19.30, nova sinatura de libros. A editora e ilustradora Marina Seoane, asinará exemplares de ¡Vamos a viajar! 2 (de Fátima Fernández), La Lluvia mágica (de María Domínguez) e ¡Brujas! (de Carmen Gil) dos que é ilustradora e están publicados en Edimáter.

A continuación, dende as 20:00 horas, chegará unha “Conversa con…”. Francisco Castro, editor do libro, conversará con dous músicos do grupo Berrogüetto arredor da súa biografía musical O pulso da terra (Editorial Galaxia).

Á mesma hora, será presentado o Libro de los Faros, de Xulio Villarino publicado por Editorial Primerapersona. (Fundación Caixa Galicia)

Ignacio Bermúdez de Castro Olavide asinará exemplares de El viejo notario y Una vida en siete días. (Huerga y Fierro Editores) ás 20:30. Trátase dunha nova incorporación ao programa.

Dende as 21:00 horas presentarase a edición bilingüe do libro de poesía Illuminations / Iluminacións, de Arthur Rimbaud, coa versión e notas do escritor e editor Xoán Abeleira, xornalista e autor de varios libros e de numerosas traducións. O libro está publicado na Editorial Banfile. Xunto co autor tomarán parte Manuel Rivas e François Davo.

Rematamos este repaso ás primeiras xornadas da Feira do Libro da Coruña co programa para o venres 3.

A Feira infantil das 12:30 horas contará con Pablo Díaz e Olga Kirk. Música e xogos tradicionais. Será un espectáculo para xente miúda coa tradición coma protagonista.

Pola tarde, dende as 18:45, a escritora María Canosa e máis a ilustradora Noemí López presentarán o seu álbum ilustrado Xiana, a nena pirata. Ao seu carón estará a editora Irene Pernas.

Ás 19:00 horas hai unha nova incorporación ao programa. Quinito López Mourelle asinará o seu libro Orquesta Voland. Oito pezas europeas (Editorial Ézaro).

Ás 19:30 tocará sinatura de libros. Luís Anguita Juega asinará exemplares de Siempre habrá un lugar para soñar, publicado por Ediciones Carena.

O libro Mans, de Xabier P. DoCampo, ilustrado por DNL e publicado por Everest Galicia presentarase dende as 20:00 horas. Os dereitos de autor do volume están integramente destinados á ONG Terra de Homes.

Á mesma hora tamén presentarase A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario costero, de Rafael Quintiá, publicado por Librería Nós, de Sanxenxo (Fundación Caixa Galicia).

E tamén dende as 20:00 horas, Juan Mariñas asinará exemplares de Piel de salitre, publicado pola editorial Espacio y Cultura e E nun lugar de Irlanda, publicado por Ineditor.

Xa ás 21.00 horas presentarase o poemario ilustrado Versos del agua, de Luís Maquieira, en Edición Fundación Cuña Casasbellas. Xunto co autor, intervirán Eva Veiga, Olga Patiño Nogueira e Miguel Cuña Casasbellas editor. Haberá música, a cargo de Martín Marticorena (zanfona e frauta).

Librarías Participantes
A listaxe dos postos na 41 Feira do Libro da Coruña conta con: M. Couceiro Librerías (A Coruña); Libraría Lector Nóbel (Burela); Eneida Editorial; El Faro de los Tres Mundos (Lugo); Libraría Roget (Vimianzo); IGN-CGIC; Libraría 7 mares Libros; Libraría A Gata Tola (Santiago); Hércules de Ediciones; Libraría Cartabón (Vigo); Libraría Nós (A Coruña); Editorial Galaxia; Libros para Soña (Vigo); Libraría Pedreira (Santiago); A Serpe Edicións; Libraría Formatos (A Coruña); Libraría Brea (Betanzos); Gran Enciclopedia Galega; Libraría Xiada (A Coruña); Libraría Avir (A Coruña); Volumen Cultural; Libraría Alita Cómics (A Coruña); Libraría Cao (Pontevedra); Asociación de Editores de Madrid; Libraría Aenea (Santiago); Libraría Kómic (Santiago); M. Moleiro Editor; Áncora Libraría (A Coruña); Libraría Metropoliscomics (Ferrol); Ediciones del Viento / Rey Lear; Ler Librerías (A Pobra do Caramiñal); Libraría Cascanueces (A Coruña); Consorcio Editorial Galego; Libraría Arenas (A Coruña); Tanxencias Cómics (A Coruña); Editorial Tambre – Edelvives; Libraría Molist (A Coruña); Libraría Couceiro (A Coruña); Editorial Millennium Liber; e a Libraría Nobel Universal (A Coruña).

A Federación de Libreiros de Galicia, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza a xeira de feiras do libro. Colaboran o Concello da Coruña, a concellería de Cultura, a Deputación Provincial da Coruña, a Fundación Novagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés. A Coruña é a sexta etapa, despois das de Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo; tras ela chegará a quenda de Viveiro, entre o 13 e o 16 de agosto.

A Comisión de Honra da Feira conta con Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Carlos Negreira Souto, alcalde da Coruña; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Anxo M. Lorenzo Suárez, secretario xeral de Cultura; Pilar Rodríguez Álvarez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia; e Xosé Antón Pedreira Mirás, vicepresidente da Federación de Libreiros.

Na Comisión técnica toman parte Pilar Rodríguez Álvarez e Antonio Fernández Maira. A dirección técnica é de Juan Carlos Sanmiguel Sexto.

Outros artigos