A excelencia do Mercado de San Antonio en Tui

Recibiu o selo de Mercado Excelente por parte da Xunta de Galicia en cumprimento aos estándares de calidade

Tui | O Mercado de San Antonio é xa Mercado Excelente. A praza de abastos municipal recibiu o selo da Xunta de Galicia que acredita o cumprimento dos estándares de calidade, innovación, modernización e dinamización comercial establecidos pola Rede de Mercados Excelentes. O Mercado tudense convértese así na sétima praza de abastos de Galicia en obter este selo.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, fixo entrega do distintivo ao alcalde, Enrique Cabaleiro, e á concelleira de Comercio, Ana Núñez, nun acto no que participaron tamén representantes da corporación municipal de Tui.

Durante a visita, o conselleiro José González destacou a capacidade do Mercado de San Antonio para avanzar en modernidade, innovación e dinamización sin perder a autenticidade, a tradición e o trato personalizado. Enxalzou amais a calidade e o equipamento moderno das instalacións, inauguradas en 2024. Para o Concello de Tui, este recoñecemento supón o resultado dunha estratexia planificada desde o inicio do goberno en 2019.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reafirmou o compromiso do Concello “en seguir recuperando e poñendo en valor esta praza como un referente para o consumo, o mercado e a dinamización da vida comercial de Tui”. Sinalou amais que este selo de Mercado Excelente “é do Concello, das praceiras e dos praceiros, comerciantes e emprendedores que apostaron por instalarse na praza”.

Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Ana Núñez, destacou que este distintivo “é a confirmación de que a folla de ruta deseñada hai anos está dando resultados”. Engadía que, dende 2019, “fomos avanzando por etapas, coñecendo o mercado, analizando as súas necesidades, deseñando o proxecto, buscando financiamento, conseguindo os fondos e transformando as instalacións”. A incorporación á Rede de Mercados Excelentes supón para Tui un recoñecemento ao camiño percorrido e, ao mesmo tempo, un compromiso para continuar avanzando.

Sobre o Mercado de San Antonio
As novas instalacións do Mercado de San Antonio foron inauguradas en setembro de 2024. Unha obra integral que converteu a praza de abastos municipal nun espazo onde converxen comercio, gastronomía, produto de proximidade, turismo e innovación.

O primeiro paso de cara a esta renovación foi elaborar un diagnóstico específico do mercado, do que naceu a folla de ruta que continúa aberta, e que aposta por un novo modelo comercial. Unha vez definido o punto de partida, o Concello apostou pola captación de fondos europeos para facer posible a transformación integral. A consecución destes fondos permitiu acometer a renovación total do espazo, cun investimento de arredor de 1,3 millóns de euros, culminando nunhas instalacións modernas, accesibles e preparadas para a sociedade actual.

O seguinte obxectivo foi incorporar actividade, atraer novos comerciantes e diversificar a oferta. Hoxe o Mercado de San Antonio conta con 20 espazos, con produtos tradicionais como carne, peixe, froitas, alimentos da horta ou flores, e propostas innovadoras, como un posto gourmet, de produtos ecolóxicos ou Maruxa Market, nacido como o primeiro café de especialidade de Galicia e o segundo de España integrado nun mercado de abastos.

Unha das grandes apostas deste Mercado é o Espazo Gastronómico, buscando conectar os produtos da praza coa cociña, ofrecendo a posibilidade de transformar a compra nunha experiencia: o cliente pode escoller o produto fresco nos propios postos e degustalo no mercado ou na casa. Nesta liña enmárcase a iniciativa “Saborea o Mercado de San Antonio”, unha programación gastronómica mensual.

A esta iniciativa súmase agora a Sala de Formación, actualmente en proceso de equipamento, que permitirá desenvolver novas iniciativas vinculadas á formación profesionalización do sector hostaleiro e gastronómico. En canto á innovación, o Mercado tudense conta cun servizo de taquillas refrixeradas que, das 10 actuais pasarán a ser 15, debido á alta demanda. Así, o Concello de Tui aposta polo comercio de proximidade, de calidade, sostible e innovador. O Mercado de San Antonio ten capacidade para seguir medrando, con máis oportunidades para novos proxectos, especialmente un espazo destinado á panadería; e coa posibilidade de instalar postos efémeros.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.