A egolatría e o servilismo.

Manuel Herminio Iglesias | Os dous termos son distintos, mais coinciden en certos sectores sociais da sociedade. E percíbense máis nas capas conservadoras pois ata parece que se complementan. Falando nunha linguaxe coloquial aqueles que son moi estirados e de alta alcurnia sempre lles gusta ter xente que os obedezan e lles cumpran os seus mandatos, veleidades e caprichos. Os que acatan, persoas máis humildes, entenden que adorar e servir a un poderoso, aínda que este sexa un narciso e un abusón, lles pode dar seguridade para o seus negocios e o seu prestixio social. O asunto ten certa similitude a unha relación paterno filial, e indo máis lonxe garda certa comparanza coas relacións feudais.

Hai uns días, co nomeamento da Real Academia Galega do escritor a homenaxear para as letras galegas do 2027 e que recaeu en Xosé Neira Vilas, veume á memoria o abusón do que se queixaba o rapaz Balbino protagonista dese fermoso libro que debuxa á perfección o mundo rural dos anos sesenta. “Memorias dun neno labrego.” Claro, era o fillo do cacique e mandaba en todos os rapaces. E a ver quen lle tusía. Pois ben, no mundo que nos tocou vivir chegou ó poder un abusón, un cretino, un narciso e un ególatra que pensa que a terra xira porque el é o que a fai xirar, e nesas estamos. Un home que di unha cousa e logo a contraría en menos que canta un galo. Un home ó que lle gustas moito que lle fagan gabanzas e reverencias e que sempre o adulen. Mais o que a min me choca é que na nosa península están os que se din patriotas, si. Os que envolvéndose na bandeira roxa e amarela como se fose soamente deles, rinlle as gracias a un señor que non dubida en meterse en asuntos deportivos como o dunha tarxeta roxa a un xogador do seu pais. Polo que semella que estamos dinte un neno grande e caprichoso que ten que facerse ver por onde pasa, se non non queda satisfeito.

“As veces penso que mediante as urnas chegou ó poder un charlatán de feira, un tolo, un predicador barato”

As veces penso que mediante as urnas chegou ó poder un charlatán de feira, un tolo, un predicador barato. Un persoeiro o que os patriotas lle rin as súa chocalleiras chanzas e ameazas, esquecendo que os Ianquis foron os que con artimañas falsas e lanzando lendas escuras nos expulsaron do Caribe, ou lle roubaron a terra ós mexicanos. Polo que pena me dan os que soamente ven o mundo polo ollo de facer negocios para el e os seus poderosos compañeiros. Tump é un supremacista que presumindo de pais comeza guerras onde lle peta e pídelle ós demais que o acompañen na súa loucura. Ás veces chócame ver que chegan ó poder tolos e persoeiros disparatados que son apoiados polas masas máis humildes, e logo pasa o que pasa e levan un fracaso máis as súas costas.

Levamos un tempo no que, neste mundo tolo que camiña con moita presa, mandan persoas que comezan a seren repelentes ademais de seren un perigo para a humanidade. Corren tempos moi incertos onde tanta técnica non nos deixa distinguir o grao da palla ou o certo do falso. Trump e outros semellantes a el, son a faciana dun poder e dun egoísmo que non ten límites. Son a imaxe da deshumanización da política e da ambición que hoxe nos invade. Por iso, os ególatras e narcisistas pensan que son os amos do mundo, cando o que sofren é unha patoloxía que os invalida para mandar. Pois as súas veleidades lémbranme a historia que reflexou Chaplin no gran ditador. En fin, o triste é que a egolatría e o narcisismo chegou ó poder nun momento de cabreo apoiado por moita xente que, en certa medida, se convirte en servil dos caprichos dun tirano. Velaí a relación entre egolatría e servilismo.

Dende Seixo-Albo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.