As Neves | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde das Neves, Jose Manuel Alfonso, para o financiamento do proxecto de mellora da accesibilidade, acondicionamento e ampliación das instalacións deportivas municipais da área da Caíña, na parroquia de Tortoreos.
Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Alfonso selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega o 100% do orzamento, 575.000 euros, dos cales 488.750 euros proceden dos fondos do Plan Extra e 86.250 euros dos recursos do Plan +Provincia.
O proxecto inclúe a ampliación do edificio de vestiarios mediante a construción dunha nova planta e a súa integración co resto do complexo;, así como a mellora da accesibilidade universal cun itinerario adaptado entre a cantina e os vestiarios reservando un espazo para un futuro ascensor. Prevese tamén a reurbanización do complexo coa renovación dos peches deteriorados, pavimentos, e intervención paisaxística.
Do mesmo xeito, Instalaranse sistemas eficientes para acadar un consumo enerxético case nulo, incluíndo iluminación LED, calefacción e auga quente mediante aerotermia e sistemas de ventilación con recuperación de calor. Finalmente, está prevista a incorporación dun programa dixital para a reserva das instalacións, así como para ofrecer información e comunicación mediante un videomarcador.
A colaboración da Deputación co Concello das Neves non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 1,2 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.