Vigo | A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de remitir un escrito ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, no que traslada a súa total predisposición para recuperar a piscina de Teis con fondos da institución provincial. Este escrito responde á solicitude efectuada polo Concello de Vigo para destinar 5 millóns de euros a esta instalación deportiva.
“Alégrame moito poder dicir que o señor Caballero aceptou unha das propostas que fixemos desde a Deputación de cara ao convenio bilateral que asina cada ano a institución provincial co Concello de Vigo”, subliñou Sánchez quen insistiu na vontade de “avanzar no convenio do 2025 e manter unha colaboración leal e frutífera co goberno local para que esta cidade saia beneficiada”.
“Daremos luz verde a esta actuación, longamente esperada e que desde hai anos está a supoñer un baleiro moi notable na oferta deportiva e de benestar da cidade”, informou a vicepresidenta quen amosou a súa satisfacción porque “serán os fondos provinciais os que blindarán a construción da piscina de Teis”. Ao respecto, Sánchez reclamou o proxecto construtivo da actuación, que aínda non foi posto en coñecemento da Deputación de Pontevedra, para poder redactar o convenio de colaboración “canto antes e co rigor que nos caracteriza, para evitar os desvíos que se derivaron de convenios marco no pasado mandato, que supuxeron incumprimentos cifrados en 6,2 millóns de euros”.
Tamén aproveitou a dirixente provincial para reclamar “un proxecto máis ambicioso: a construción dunha piscina olímpica en Vigo, como xa existen en Pontevedra ou na Coruña”. Sánchez reivindicou que “a recuperación da piscina de Teis podería terse circunscrito a un proxecto moito máis ambicioso, aproveitando ao máximo os terreos dispoñibles” e subliñou que “a ausencia dunha instalación olímpica demostra as carencias do goberno local dun proxecto de cidade”. Tamén lamentou que “a nosa cidade siga sen contar cunha piscina olímpica para acoller eventos deportivos de primeiro nivel que son un reclamo turístico e deportivo” e amosou a vontade de colaboración da Deputación para dotar á cidade dunha piscina olímpica no emprazamento que sexa viable.
“A nosa vontade é traballar polos intereses de todos os vigueses e viguesas” subliñou a vicepresidenta quen recordou que no último ano e medio “comprometimos 30 millóns de euros, que contemplan desde a reforma da bancada de Gol do estadio de Balaídos, a adquisición do Teatro Cine Fraga, o rescate dos 6,2 millóns de euros que estaban a piques de caducar por falta de execución e os novos proxectos acordados entre ambas administracións”.