
Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, mantivo unha reunión de traballo co presidente de Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro, e con representantes da directiva da entidade para avaliar os programas que desenvolven conxuntamente e abordar novas vías de colaboración de cara ao vindeiro ano.
Durante o encontro, ambas as partes realizaron un balance “moi positivo” das iniciativas actualmente en marcha, entre elas o programa de intervención coa infancia “Promoción do éxito escolar”, posto en funcionamento o pasado ano en distintos puntos da provincia.
Menor destacou os “resultados altamente satisfactorios” acadados durante o primeiro ano desta iniciativa e trasladou o compromiso da Deputación de incrementar o seu apoio para ampliar o seu alcance. A institución provincial estudará tamén unha mellora da achega destinada ás necesidades formativas formuladas por Cruz Vermella.
A reunión permitiu, ademais, analizar a colaboración provincial cos programas de xuventude, socorros e emerxencias. O apoio da Deputación posibilita que Cruz Vermella dispoña de persoal técnico especializado nestas áreas, complementando así o “traballo excepcional” realizado polo seu voluntariado.
Outro dos asuntos abordados foi a necesidade de substituír unha ambulancia da entidade que resultou sinistro total nun accidente. Luis Menor ratificou o compromiso da Deputación de asumir o custo do novo vehículo con cargo ao vindeiro exercicio e de axilizar, na medida en que o permitan os procedementos administrativos, a súa adquisición.
Longa historia de colaboración
“A relación entre a Deputación e Cruz Vermella responde a unha orixe común e a unha longa historia de cooperación”, lembrou o presidente provincial, quen sinalou que a entidade naceu vinculada á institución provincial e chegou a ter a súa sede en dependencias e terreos cedidos pola propia Deputación.
Menor reivindicou así unha “colaboración estreita e permanente cunha entidade que presta un apoio esencial á provincia e realiza un labor extraordinario en favor das persoas máis vulnerables”.
Felipe Ferreiro agradeceu o respaldo que a Deputación vén prestando a Cruz Vermella ao longo dos anos e valorou especialmente a vontade de anticipar a planificación das actuacións para 2027. “Os compromisos mantéñense e existe a disposición de melloralos na medida do posible, como se vén facendo cada ano”, afirmou. Salientou tamén que a cooperación provincial permite manter numerosos servizos fundamentais para a cidadanía e reiterou o seu agradecemento á Deputación polo apoio continuado á entidade.




