
Ourense | A Deputación de Ourense celebrou o Día do Libro coa presentación da obra “Paseniño pola Vía da Prata. O Camiño Mozárabe na provincia de Ourense”, unha publicación que nace co obxectivo de reforzar a proxección da provincia a través dun dos seus principais recursos patrimoniais e turísticos.
O acto enmárcase no compromiso da institución provincial coa promoción da cultura e da identidade propia, poñendo en valor a palabra escrita como vehículo de coñecemento e tamén como instrumento para construír futuro.
A publicación é resultado dun proxecto impulsado pola Deputación para situar a Vía da Prata no lugar que merece dentro das grandes rutas culturais europeas, destacando o seu carácter poliédrico: un itinerario histórico que combina patrimonio, paisaxe, tradición e potencial económico para o rural ourensán.
Neste sentido, o presidente provincial, Luís Menor, salientou que esta obra “non é só un libro, senón unha ferramenta útil para dinamizar o territorio, promover o turismo e reforzar a cohesión provincial”, subliñando que iniciativas como esta responden ao papel que debe desempeñar a Deputación como motor de proxectos que xeren valor para o conxunto da provincia.
O libro foi elaborado por Manuel Garrido Rivero, licenciado en Historia e experto en camiños, e María Eugenia Muñoz Fernández, licenciada en Historia da Arte e especialista en patrimonio, seleccionados mediante concorrencia competitiva conforme á normativa da institución provincial, tal e como explicou a xefa de Sección de Arquivo e Publicacións, Ana María Malingre. Os autores agradeceron á Deputación o seu “compromiso coa Cultura e coa Vía da Prata”.
A obra ofrece un percorrido detallado polos concellos polos que discorre a Vía da Prata na provincia de Ourense, incorporando información sobre o seu patrimonio histórico, cultural e natural, así como sobre as tradicións e a gastronomía local. Todo iso preséntase nun formato moderno e visual, apoiado en material gráfico do Arquivo da Deputación e con vocación divulgativa e internacional, ao incluír contidos accesibles en varios idiomas mediante códigos QR.
A publicación intégrase no catálogo editorial da Deputación de Ourense a través do Plan de Publicacións Provincial, que continúa ampliándose con obras que contribúen á difusión do patrimonio cultural e á posta en valor dos recursos propios da provincia. Con esta iniciativa, a institución provincial dá un novo paso na promoción da Vía da Prata como unha das grandes cartas de presentación de Ourense, apostando por transformar o seu potencial en oportunidades reais para os concellos e para o conxunto do territorio.




