
Ourense | A Deputación de Ourense vén de ser recoñecida co 1º accésit do Premio Juan Raya Gómez á innovación no control e a xestión pública local 2026, un certame que na súa terceira edición galardoa a esta institución pola súa candidatura: “A colaboración da Deputación Provincial no control financeiro: un reto de Ourense”.
Dito accésit foi entregado no marco da VI Xornada do Sector Local, vía online, a todo o equipo de intervención da Deputación de Ourense reunido, para tal fin, na sala de xunta do Pazo Provincial. A candidatura pola que foi premiada a Deputación de Ourense refírese á asistencia técnica que presta aos pequenos municipios en materia de control financeiro permanente planificable, especialmente no control de nóminas.
A idea proposta é que as deputacións non deben limitarse a financiar obras ou prestar apoio xurídico ordinario, senón actuar como centros especializados de capacidade administrativa para municipios con poucos recursos. A clave é que moitos concellos carecen de persoal, orzamento e medios técnicos suficientes para implementar por si sos sistemas avanzados de control financeiro.
A proposta presentada ao certame apoiase na experiencia previa da Deputación de Ourense. Segundo o documento, a implementación de métodos de mellora continua permitiu elevar o cumprimento documental en expedientes de nóminas desde o 61,69% ata o 100% en varios exercicios.
O proxecto piloto está dirixido inicialmente aos 28 municipios de Ourense con menos de 1.000 habitantes por ter unha estrutura administrativa moi limitada, tendo en conta que esta asistencia supramunicipal non substitúe a autonomía municipal, senón que a fai máis efectiva.
Neste sentido, proponse comezar polo control financeiro das nóminas por ser o gasto común a todos os concellos e permite aplicar unha metodoloxía contable. A Deputación asumiría a dirección técnica con medios propios e o custe directo estimado do proxecto sería duns 5.943 euros, é dicir, 212 euros por municipio, unha cifra moi por debaixo do que lle custaría a cada concello desenvolver o control por separado.
En definitiva, esta proposta propón xestionar mellor mediante a cooperación supramunicipal, a prevención de riscos, a estandarización metodolóxica e a aprendizaxe institucional compartida.




