A Deputación da Coruña inviste 3 millóns de euros para crear 428 empregos nos concellos da provincia

O programa PEL-Concellos creou preto de 2.000 postos de traballo desde a súa creación e permitirá que 428 persoas máis accedan a un emprego no seu municipio este ano

A Coruña | A Deputación da Coruña vén de aprobar a concesión das axudas do programa PEL-Concellos 2020. Cun investimento cercano aos 3 millóns de euros, esta liña do Plan de Emprego Local (PEL) permitirá aos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes contratar a un total de 428 persoas en situación de desemprego durante un período dun ano para a prestación de servizos municipais básicos.

González Formoso destaca que o programa “ofrecerá unha oportunidade laboral a centos de persoas nun contexto social e económico tan difícil como o actual” e contribuirá a mellorar os servizos dos municipios

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que o programa será especialmente útil este ano xa que ademáis de “ofrecer unha oportunidade laboral centos de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego nun contexto social e económico tan difícil coma o actual”, o persoal contratado “permitirá aos concellos afrontar labores que van ser fundamentais na loita contra o covid-19 coma a limpeza de rúas e espazos públicos ou a recollida e tratamento de residuos”.

A pesar da suspensión dos prazos administrativos desde a declaración do estado de alarma, a Deputación axilizou a concesión das axudas, xa que os concellos que podían optar ao PEL-Concellos xa tiñan presentadas as súas solicitudes e o Goberno provincial priorizou desde o primeiro momento da crise tanto os investimentos na área social como a activación de todos os plans e medidas que contribúan ao mantemento do emprego e a reactivación económica da provincia.

As contratacións primarán a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, mulleres, parados de longa duración ou persoas en risco de exclusión social

Os concellos recibirán entre 19.000 e 52.000 euros
Os importes da subvención a recibir polos concellos varía en función da porcentaxe de persoas desempregadas coas que conta cada municipio, oscilando as contías a percibir entre os 19.000 e os 52.000 euros. Coa súa asignación do PEL- Concellos, os municipios coruñeses poderán financiar os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal, ademais dos derivados das indemnizacións de fin de contrato e os correspondentes aos cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.

Os operarios e operarias, que deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de 25 horas, realizarán labores como recollida e tratamento de residuos, limpeza de rúas, estradas e espazos públicos, mantemento da rede de sumidoiros e alumeado público, melloras nos accesos aos núcleos de poboación e pavimentación de camiños ou mantemento de parques e xardíns públicos.

Primar ás persoas con dificultades de inserción laboral
Resulta destacable o “carácter social” destas axudas, xa que as persoas a contratar polos concellos deberán estar en situación de desemprego na data de inicio do proceso selectivo e valorarase que pertenzan a determinados colectivos con maiores dificultades para acceder a un emprego.

A Deputación esixe como requisito nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados pola lacra do desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Ademais, dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!