A Danza Urbana do máis alto nivel darase cita no Porriño

Este 20 de marzo no I Trofeo Concello do Porriño de Hip-Hop

O Porriño | O polideportivo municipal do Porriño será ese domingo epicentro da danza urbana. Uns 150 bailaríns e bailarinas chegados de toda a xeografía galega disputarán o I Trofeo Concello do Porriño de Hip-Hop, unha competición puntuable no ranking nacional da Federación Española de Baile Deportivo.

No evento, organizado polo CBD Pasos-BaileGalicia, en colaboración co Concello do Porriño, os deportistas competirán en trece categorías, con premio para os tres primeiros de cada unha delas.

Os xurado está composto por tres bailaríns do máis alto nivel na modalidade: Max One, que chega dende Barcelona, Lidia Rioboo, de Madrid e Julia Laport, que ven dende A Coruña. Dende a organización destacan o nivel dos participantes e a vistosidade do evento. “Entre os deportistas que competirán no Porriño están grupos que son campións nacionais, do máis alto nivel da Federación de Baile Deportivo”, explicou Miguel Abreu. “Convido a todo o mundo a disfrutar deste evento, que non defraudará pola súa espectacularidade”.

Cabe destacar que a danza urbana é unha modalidade relativamente nova dentro da Federación de Baile Deportivo. O Breaking, será por primeira vez deporte olímpico en París 2024 tras ser recoñecido dende hai pouco como deporte polo Comité Olímpico Internacional.

Propietario imaxe principal: Hip-Hop Galicia.