A cultural tradicional galega estará no Mundial FIDAF en Brasil

Unha delegación de 29 persoas estará ata o 11 de setembro co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia

A Coruña | Hai músicas e bailes que durante décadas viaxaron de aldea en aldea e de xeración en xeración antes de chegar aos escenarios. Este verán farán unha viaxe moito máis longa. Xacarandaina cruzará por primeira vez o Atlántico para levar ao Brasil unha parte do patrimonio tradicional galego. O Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina afrontará entre o 27 de agosto e o 11 de setembro a primeira xira transatlántica dos seus 48 anos de historia, unha expedición integrada por 29 persoas que levará a música e o baile tradicional de Galicia aos festivais internacionais de folclore de Imigrante e Nova Prata, no estado brasileiro de Rio Grande do Sul.

A viaxe, que conta co apoio do Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo, a Deputación da Coruña a través a súa área de Cultura, e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, terá ademais unha importante dimensión competitiva. Xacarandaina participará no Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026, que se desenvolverá no marco da 22ª edición do Festival Internacional de Folclore de Nova Prata e reunirá formacións internacionais entre o 2 e o 6 de setembro.

A presenza de Xacarandaina no Brasil nace dunha selección realizada pola propia organización, que coñeceu o traballo do grupo galego hai tres anos, durante a súa participación no Festival Internacional de Zamora. Tras descubrir alí a proposta artística da formación coruñesa, a organización convidouna a participar nos encontros de Imigrante e Nova Prata e no Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026.

Será un dos maiores desafíos internacionais afrontados por Xacarandaina e tamén unha oportunidade excepcional para mostrar fóra de Europa o resultado de case medio século de investigación, recuperación, conservación e dignificación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Á fronte da expedición estará Quique Peón, director de Xacarandaina desde 1982 e unha das figuras fundamentais da investigación e transmisión da música e do baile tradicional galego.

Coreógrafo, investigador, intérprete e docente, Peón desenvolveu ao longo da súa traxectoria un extenso labor de campo que permitiu recuperar e restaurar centos de bailes, danzas, músicas, traxes, instrumentos e costumes tradicionais.

A presenza de Xacarandaina no Brasil nace dunha selección realizada pola propia organización, que coñeceu o traballo do grupo galego hai tres anos, durante a súa participación no Festival Internacional de Zamora. Tras descubrir alí a proposta artística da formación coruñesa, a organización convidouna a participar nos encontros de Imigrante e Nova Prata e no Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026.

Será un dos maiores desafíos internacionais afrontados por Xacarandaina e tamén unha oportunidade excepcional para mostrar fóra de Europa o resultado de case medio século de investigación, recuperación, conservación e dignificación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Á fronte da expedición estará Quique Peón, director de Xacarandaina desde 1982 e unha das figuras fundamentais da investigación e transmisión da música e do baile tradicional galego.

Coreógrafo, investigador, intérprete e docente, Peón desenvolveu ao longo da súa traxectoria un extenso labor de campo que permitiu recuperar e restaurar centos de bailes, danzas, músicas, traxes, instrumentos e costumes tradicionais.

Máis de 500 bailes recuperados ao longo de case medio século
Fundado na Coruña en 1978, Xacarandaina converteu a investigación do folclore galego no eixo central do seu traballo.

Durante décadas, os seus integrantes percorreron aldeas e lugares de toda Galicia para documentar músicas, bailes, danzas, cancións, instrumentos, indumentarias e costumes, nun intenso labor de investigación etnográfica que permitiu recuperar máis de 500 bailes tradicionais e contribuíu de maneira decisiva á conservación e transmisión deste patrimonio.

Ese traballo de recuperación convive desde os seus inicios cunha intensa actividade escénica. Xacarandaina participou en máis de 150 festivais nacionais e internacionais e levou a cultura tradicional galega a países como Francia, Portugal, Italia, Hungría, Romanía, Escocia, Bélxica, Eslovaquia, Ucraína ou Polonia, entre outros.

A formación chega ademais ao Campionato Mundial FIDAF cunha importante experiencia competitiva internacional e dous premios conseguidos fóra de España: no festival Dances et Traditions Populaires de Châteauneuf-du-Faou, en Francia, e no Festival Zemplén de Hungría.

Agora chega unha fronteira inédita: por primeira vez, Xacarandaina levará ese patrimonio ao outro lado do Atlántico.

O reto de condensar Galicia en oito minutos
A participación no Campionato Mundial FIDAF obrigará a Xacarandaina a afrontar un singular desafío artístico: condensar en oito minutos cada noite diferentes expresións do patrimonio tradicional galego.

A competición desenvolverase durante varias xornadas, con repertorios diferentes en cada unha delas, antes da Gran Final do 6 de setembro. O xurado internacional valorará aspectos como a técnica e a interpretación artística, a música, o vestiario, a identidade das propostas coreográficas e a impresión xeral.

Para afrontar este reto, Xacarandaina preparou diferentes programas que permitirán realizar unha auténtica viaxe pola xeografía e diversidade do baile tradicional de Galicia.

Ao escenario brasileiro chegarán pezas procedentes de lugares como O Couto, no concello de Zas; Liñares, en Avión; Santa Comba; Vilar, en Padrenda; Lavadores, en Vigo; Anxeriz ou As Nogais, entre outros.

Mazurcas, xotas, muiñeiras, maneos e danzas cerimoniais convivirán cunha ampla mostra da indumentaria tradicional galega, desde traxes de gala de diferentes comarcas ata vestimenta aldeá das primeiras décadas do século XX.

A música, o baile e o vestiario converteranse así nunha maneira de contar Galicia ante un público internacional.

Un dos grandes encontros internacionais de folclore
A principal parada da viaxe será o Festival Internacional de Folclore de Nova Prata, que celebrará a súa 22ª edición do 2 ao 6 de setembro.

Creado en 1998, o encontro está integrado na Federación de Festivais Internacionais de Danza (FIDAF) e ao longo da súa historia reuniu máis de 4.000 artistas nacionais e internacionais. En 2017 foi incorporado ao Calendario Oficial de Eventos do Estado de Rio Grande do Sul e entre 2019 e 2022 recibiu durante catro anos consecutivos o recoñecemento como mellor festival do mundo da FIDAF.

Xacarandaina participará tamén previamente no II Festival Internacional de Folclore de Imigrante, dentro dunha programación que permitirá á formación galega compartir escenario con grupos procedentes de diferentes países.

En Nova Prata, a súa presenza non se limitará ás noites do campionato. O programa inclúe tamén actuacións nas rúas, encontros con escolares, actividades socioeducativas, recepcións institucionais e participación en medios de comunicación locais.

29 persoas para unha viaxe inédita
A aventura comezará na Coruña na madrugada do 27 de agosto, cando as 29 persoas integrantes da expedición partirán en autobús cara a Lisboa. Desde a capital portuguesa tomarán o voo que as levará ata Porto Alegre, onde está prevista a súa chegada esa mesma xornada.

Comezará entón unha intensa programación artística que se prolongará ata o 6 de setembro, data da Gran Final e da cerimonia de entrega de premios do Campionato Mundial FIDAF Brasil 2026

A expedición iniciará posteriormente a última parte dunha viaxe que concluirá o 11 de setembro co regreso a Galicia.

Serán máis de dúas semanas e miles de quilómetros para completar unha viaxe inédita na historia de Xacarandaina, posible grazas tamén ao apoio institucional do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.

Case medio século despois do seu nacemento na Coruña, os bailes e músicas que Xacarandaina leva décadas recuperando por toda Galicia cruzarán por primeira vez o Atlántico para volver facer aquilo para o que naceron: ser bailados, escoitados e compartidos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.